Escoitar

Vigo consegue cinco bandeiras azuis

A Fundación Europea de Educación Ambiental concedeulles bandeiras azuis aos areais do Vao, Argazada, Tombo do Gato, A Punta e Canido. O esforzo do dispositivo do Goberno municipal, dos mariñeiros e voluntarios non conseguiu manter a distinción europea para a praia de Rodas, en Cíes, afectada pola marea negra.

luns, 2 xuñ 2003
1054570595amadorfernandez.jpg
Amador Fernández
O concelleiro de Medio Ambiente en funcións, Amador Fernández, afirmou que o Concello de Vigo pasou de obter unha bandeira azul en 1999 a cinco en 2003 debido ao investimento no saneamento que mellora a calidade das augas dos areais.

Proximamente sacarase a concurso a contratación de socorristas para dispoñer dun operativo de 20 persoas que se aumentará con 8 máis nas fines de semana e festivos. Ademais, o Concello decidiu manter o servicio de vixilancia na praia de Rodas, a pesar de non dispór de bandeira azul.

Fernández amosouse convencido de que, cun traballo programado, se poden conseguir tres bandeiras máis para as praias de Samil, Carril e Santa Baia trala instalación de servicios hixiénicos, ademais de recuperar a de Rodas cando se poida certificar a ausencia de fuel nos fondos mariños, xa que esta fundación non acepta o contacto directo dos areais con hidrocarburos para outorgar esta distinción.

Nos vindeiros días procederase ao balizado das zonas de baño e á instalación de paneis para a educación ambiental con información das características do areal, liñas de transporte público, teléfonos de interese e recomendacións para os bañistas.
Descargar todas as imaxes