Escoitar

A liña de autobús H1 ao Hospital Álvaro Cunqueiro modifica o seu percorrido

A líña H1, que conecta o centro de Vigo co Hospital Álvaro Cunqueiro, modificará o vindeiro luns o seu percorrido e realizará a ruta a través da Avenida de Fragoso, tanto de ida como de volta. Pola súa parte, a H2 que tamén conecta co centro médico manterá o percorrido pola Avenida de Castrelos.

luns, 21 set 2020

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este luns dun cambio dunha das liñas de autobús urbano que conecta o centro da cidade co Hospital Álvaro Cunqueiro. Trátase da H1, que desde o vindeiro luns 28 de setembro realizará unha modificación no seu percorrido. Así, manterá a súa ruta desde Policarpo Sanz ata Praza de América e despois circulará pola Avenida de Fragoso, tanto á ida como á volta, en vez de a Avenida de Castrelos.

Pola súa banda, tal e como confirmou o alcalde, a liña H2, que sae de Greogrio Espino e tamén conecta co Álvaro Cunqueiro, manterá o seu percorrido de ida e volta pola Avenida de Castrelos.

Tráfico en Gran Vía

Ademais, Caballero indicou que na madrugada do sábado acabou o asfaltado de Gran Vía e a partir del este luns está aberto un segundo carril de baixada (lado Corte Inglés) e mantense un de subida (lado Once). Segundo explicou, haberá un tratamento especial cun pulido de “calidade máxima” para os pasos de peóns.