Escoitar

O Concello abre o luns o novo pavillón de Romil, que utilizará tamén o colexio Fleming

O alcalde adiantou este venres a data de inauguración da nova dotación deportiva á que Concello e Deputación adicaron máis de dous millóns de euros. Para a próxima semana está prevista a apertura ao público dos campos de fútbol e o 1 de outubro, os ximnasios do Berbés e do Carme, con protocolos Covid.

venres, 18 set 2020

Abel Caballero explicou este venres a planificación municipal de desescalada nas instalacións deportivas, cos complexos da ETEA, Navia, Samil e Travesas xa plenamente operativos, ademais das piscinas municipais, as pistas de atletismo e os dous pavillóns deportivos da bancada de Río, no estadio de Balaídos, recentemente abertos ao público.

O alcalde avanzou que o luns terá lugar o acto oficial de inauguración do novo pavillón deportivo de Romil, custeado por Concello e Deputación por un importe superior aos dous millóns de euros. O mesmo luns comezará a actividade no recinto, onde se practicará ximnasia, xadrez e tenis de mesa, xunto a loita olímpica cando o permitan as normas sanitarias da pandemia. O pavillón de Romil, segundo manifestou Caballero en rolda de prensa, será empregado tamén polo CEIP Doutor Fleming, un dos maiores colexios da cidade cuns mil alumnos e alumnas, que está emprazado ao lado da nova instalación deportiva municipal.

O goberno de Vigo programa unha progresiva reapertura do resto das sedes deportivas. Así, a previsión é poñer en funcionamento os campos de fútbol ao longo da próxima semana, seguindo as medidas de seguridade e os protocolos derivados da Covid-19. Tamén rexerá unha normativa específica polo coronavirus nos ximnasios do Berbés e do Carme, que volverán a operar o un de outubro. Para a primeira quincena do próximo mes, o Concello conta con retomar a actividade nos pavillóns de Coia, Bembrive, Teis, Coruxo, Bouzas, Carballal, Castrelos, Sárdoma, Candeán, Lavadores e Valladares.

Protocolo

En declaracións aos medios, Abel Caballero demandou á Xunta de Galicia, como autoridade sanitaria, a elaboración dun protocolo específico de actuación ante eventuais casos de Covid-19 no ámbito deportivo, similar ao existente no eido educativo. A súa inexistencia causa un “pequeno problema” que o Concello suple con “sentido común”, explicou Caballero, mais considera necesario unha pauta a seguir tamén nas instalacións deportivas.