Escoitar

O alcalde pon en valor o labor municipal na protección das dunas do Vao e Samil

No Día Mundial das Praias, que se conmemora este venres, Abel Caballero visitou ao grupo de voluntariado medioambiental que traballou na retirada de máis dunha tonelada de plantas invasoras na contorna da duna de Samil.

venres, 18 set 2020
O alcalde co grupo de voluntariado mediambiental
O alcalde co grupo de voluntariado mediambiental

Segundo explicou o rexedor ante os medios de comunicación, o Concello traballa ao longo do ano na preservación das praias de Vigo con “presenza especial, posta en valor e atención” de zonas como o ENIL, espazo de reserva medioambiental especial na contorna do Vao e nos areais de Fontaíña, Calzoa e Samil, establecendo zonas de preservación para tratar de que as dunas teñan o menor espazo de obstáculos posible. Apuntou Caballero que, grazas a este labor, en Samil “o crecemento da duna está sendo certamente notable, cada ano medran a duna e o espazo”.

En canto ao sistema dunar do areal do Vao, o alcalde explicou que están traballando seis persoas do programa municipal de emprego na súa atención e coidado co obxectivo de liberar as dunas da presenza humana, controlando o acceso e tratando que cada duna teña as especies autóctonas propias, que favorecen o seu crecemento. Os equipos municipais, teñen retirado 250 quilos de especies alóctonas da superficie da duna do Vao e 135 quilos de especies invasoras.

O alcalde visitou este venres ao grupo persoas voluntarias do programa medioambiental “Camiño a Camiño” que retiraron da contorna da duna de Samil máis dunha tonelada de plantas de uña de gato, unha especie enormemente agresiva que, segundo apuntou, se instala moi ben en zonas próximas á area porque ten moita reserva de auga. Adiantou o goberno municipal continuará coa preservación dos areais do litoral vigués.

O alcalde co grupo de voluntariado mediambiental
Caballero visita aos voluntarios que retiran especies invasoras
Descargar todas as imaxes