O Concello recibe o visto bo de Aviación Civil á rehabilitación da Panificadora
O goberno de Vigo vén de obter o documento vinculante de Aviación Civil para a actuación na Panificadora, co que só resta un informe da Xunta para poder aprobar definitivamente a modificación puntual do PXOM que fará posible recuperar o inmoble para o público. “É unha gran noticia” tras “sesenta anos de abandono”, valorou o alcalde este venres.
En declaracións aos medios, Abel Caballero trasladou que o Concello recibiu onte xoves o informe favorable e vinculante de Aviación Civil á actuación proxectada na Panificadora, o emblemático edificio industrial próximo á Praza do Rei. Con este paso, que o rexedor agradeceu pola súa “celeridade”, a modificación puntual do Plan Xeral neste ámbito só está pendente dun informe da Xunta de Galicia.
O cambio no PXOM permitirá a remodelación que o Concello proxecta xunto coa Zona Franca de Vigo, a conversión da Panificadora nunha dotación pública e a rehabilitación do seu entorno. “Imos recuperar a Panificadora para a cidade de Vigo na súa totalidade e isto é unha gran noticia; leva aí sesenta anos agardando, sesenta anos de abandono”, explicou Caballero, quen puxo en valor que o Consorcio estatal dirixido por David Regades invista na operación.