Escoitar

A Casa da Xuventude inaugura a mostra "New York just before"

A Casa da Xuventude abre a exposicición "New York just before. Inocencia e culpabilidade", unha escolma das fotografías realizadas por Juan Manuel Cuéllar cara unha interpretación do desastre do 11 de setembro. Así, as vinte imaxes da mostra contrapoñen distintos puntos da cidade estadounidense coa faciana en tensión de dúas actrices nun ensaio.

martes, 27 mai 2003
A mextura de temas, téxturas e ámbitos provoca no espectador unha reacción, sempre persoal e íntima, verbo dos acontecementos acontecidos no 2001 na actualmente denominada zona 0.

Segundo o autor, a montaxe "pretende establecer unha correlación plástica entre imaxes de Nova Iorque, nas que predominan as do World Trade Center, e as fotografías de dúas mulleres ás que une unha presunta relación de amor-odio". Os distintos recunchos novaiorquinos remiten ao inicio, alomenos mediático, dunha nova era no ámbito do equilibrio internacional de poderes.

O novo período caracterízase polas novas definicións de lexitimidade no uso da forza, impostas pola unilateralidade dunha superpotencia que decide en solitario. Xustificacións, ademais, que relegan á sombra o sufrimento humano das víctimas do 11S, pero especialmente aos centos de mortos inocentes das intervención militares en Afganistán e Irak. Víctimas que perderon a súa singularidade de individuos para integrar unha estatística consentida baixo a impune denominación de "efecto colateral". As imaxes de dúas mulleres que se odian e se abrazan, pretenden constituír unha trasposición de todo aquilo que nos converte en individuos singulares respecto aos nosos semellantes; unha icona que evoca a xeralidade do ser humano.

As fotografías das dúas actrices, cunha clara alusión ás imaxes das dúas torres, pretende simbolizar a cara de todos os mortos sen rostro, ou a daqueles que viron como a súa vida quedaba irremediablemente afectada pola voráxine desatada tralos atentados.

Doutra banda, a exposición lembra a figura de Jose Couso, cámara morto no conflicto de Iraq, antigo colega e compañeiro de traballo do autor.

A mostra pode ser visitada ata o venres 6 de xuño, en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas, de luns a venres.