Escoitar

Vigo iza as súas bandeiras azuis tras ser de novo a cidade de España con máis galardóns

O alcalde de Vigo izou este mércores en Samil unha das trece bandeiras azuis que recibiu este ano para as súas praias e sendeiros. Abel Caballero destacou que se trata da gran urbe de España con máis galardóns e informou de que o Concello dispón de máis de 100 persoas destinadas á seguridade e limpeza nas praias.

mércores, 1 xul 2020
Izado da bandeira en Samil.
Izado da bandeira en Samil.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, izou este mércores a bandeira azul de Samil como símbolo dos trece galardóns que logrou a cidade este ano. “Somos a cidade con máis bandeiras azuis de España, tantas como Alacante e Valencia xuntas, e tamén temos tres premios aos nosos paseos, o que significa que facemos un esforzo moi importante nas praias e noutros lugares de Vigo”, sinalou o rexedor durante o acto.

Tal e como ocorrera en 2019, Vigo volve ter trece distincións azuis, dez en praias (A Punta, Carril, Tombo do Gato, Argazada, Fontaíña, O Vao, Canido, Fortiñón e Rodas) e tres en sendeiros; o mesmo número pero non os mesmos areais, xa que este ano o Concello decidiu solicitala para a praia de Carril, en Alcabre, en lugar da de Figueiras, nas illas Cíes. A finais de xaneiro, o goberno de Vigo tramitou a solicitude e argumentou a decisión por ser o de Carril un areal urbano de maior afluencia que o do arquipélago.

No tocante aos sendeiros, o “Camiño a Beiramar”, a senda entre faros das illas Cíes e a senda litoral e do monte da Guía, en Teis, renovan este verano unha distinción azul coa que xa contaron en anos anteriores.

Dispositivo nas praias

Ademais, o alcalde informou de que no dispositivo de máis de 100 persoas destinado ás praias hai 19 policías vixiando todo o litoral, 46 persoas en socorrismo e salvamento, 26 en limpeza e cintas de separacións, 10 postos de atención sanitaria e 1 ambulancia.

Respecto do funcionamento das novas cintas seguridade en Samil e O Vao, sinalou que “o sistema vai ben, a xente respecta e aprende, nestes días observamos que os usuarios entenden ben as cores e as zonas de paseo”. Ademais, Abel Caballero volveu a lanzar unha invitación para os turismos e apuntou que “queremos que a xente veña a Vigo, son ben recibidos”.

Descargar todas as imaxes