Escoitar

Declaración institucional con motivo do Día Internacional do Orgullo LGTBI

O Pleno do Concello aproba por unanimidade o manifesto ao que previamente dera luz verde a Federación Española de Municipios e Provincias.

mércores, 1 xul 2020

"A violencia e a discriminación contra as persoas LGTB por motivos de orientación sexual ou identidade de xénero teñen lugar nunha ampla variedade de contornas públicas e privadas, son exercidas por integrantes da familia, amigos, membros da comunidade confesional, membros da comunidade, axentes de policía, membros do sector da xustiza, propietarios ou provedores de vivendas e compañeiros de traballo, entre outros, e prexudican o acceso das persoas LGBT á atención da saúde, a educación, a vivenda e o emprego..."

                     Informe sobre a protección contra a violencia e a discriminación por motivos de orientación sexual ou                       identidade de xénero
                    Asemblea Xeral de Nacións Unidas 17 de xullo de 2019

Foi a partir de finais dos anos 70, cando o arco da vella foi elixido o símbolo para representar a diversidade sexual. Gilbert Baker, o seu deseñador, elixiu unha composición con 8 franxas, 8 cores, 8 significados. Hoxe, permanecen 6: vida, saúde, luz do Sol, natureza, serenidade, espírito.

O 28 de xuño de 2020, Día Internacional do Orgullo LGTBIQ estará marcado polo COVID19. Este ano, o orgullo celebrarase nos balcóns e os concellos de España estarán, unha vez máis, izando unha bandeira que dará voz a quen non poderá saír ás rúas para reivindicar un mundo libre.

Desde o 13 de marzo de 2020, data na que se decreta o Estado de Alarma no noso país, a cidadanía viviu confinada para frear o avance dunha crise sanitaria de envergadura aínda descoñecida e cuxas consecuencias aínda ignoramos. Un esforzo colectivo que demostrou, unha vez máis, que somos un pobo valente e solidario; flexible e aberto ao cambio e que, a pesar das consecuencias psicolóxicas que pode provocar o illamento, da preocupación ante a incerteza económica e social, das innumerables dificultades sobrevidas da pandemia, somos parte imprescindible da resposta global e, como tal, estamos a dar mostra dun enorme compromiso e responsabilidade.

Con todo, ademais desta imaxe na que todas e todos nos sentimos representados e que vemos en cada xanela e balcón ás 20:00 da tarde, hai outro retrato invisible de miles de rostros que sofren na intimidade da súa reclusión, a ferocidade da violencia e o castigo do silencio.

É o caso, entre outras, das persoas LGTBI que ven agravada unha problemática xa existente a partir dunha nova situación que as illa e expón a situacións conflitivas e onde se viron incrementadas o número de denuncias ante agresións físicas e psicolóxicas.

O día do Orgullo é unha data para a visibilidade, para a reivindicación e para a esperanza e na que as entidades locais, con independencia do seu tamaño, xogan un papel insubstituíble como garantes dos dereitos de liberdade e de igualdade que rexen o noso estado de benestar.

É, no nivel local, onde se constrúen realidades e onde se despregan medidas necesarias de sensibilización e cohesión, de atención integral de xénero e de antidiscriminación, accesibles a toda a poboación.

Por iso, un ano máis, os concellos, deputacións, cabidos e consellos insulares reunidos na FEMP queremos:

- Convidar a todas as entidades locais a adherirse a esta Declaración e a poñer voz a todas aquelas situacións que non por ser silenciosas ou invisibles son menos reais.

- Urxir á aprobación dun acordo local para a recuperación postcovid que inclúa o desenvolvemento de medidas específicas cara ás persoas LGTBI co fin de garantir o exercicio da súa liberdade, con plena seguridade.

- Condenar enerxicamente calquera forma de violencia que teña na súa orixe a orientación sexual e a identidade de xénero.

- Recoñecer a contribución, o traballo e o esforzo das organizacións do terceiro sector que traballan en prol da igualdade, en defensa dos dereitos humanos e na promoción e protección dos dereitos fundamentais das persoas LGTBIQ.

- Ratificar a necesidade de investir en políticas en favor da diversidade sexual e a non discriminación das persoas pola súa orientación sexual ou identidade de xénero a través do desenvolvemento de programas e proxectos de atención, información, formación, sensibilización e concienciación, que fagan das nosas cidades e pobos espazos seguros para a diversidade sexual en todas as súas manifestacións.