Caballero: “Son tempos de acordos e reincorporamos á Deputación á mobilización cultural do MARCO”
Abel Caballero e Carmela Silva firmaron este xoves o convenio entre a Fundación MARCO e a Deputación de Pontevedra, dotado con 50.000 euros e enmarcado no compromiso coa cultura e a igualdade cara á presenza das mulleres artistas na programación do museo vigués.
O alcalde de Vigo e presidente da Fundación MARCO, Abel Caballero, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, firmaron este xoves o convenio de colaboración coa institución provincial para potenciar a igualdade e a visibilidade de muller no ámbito das artes no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO). Este convenio está dotado con 50.000 euros e procurará sufragar gastos de produción de exposicións, programación de conferencias, textos e visitas guiadas e a adquisición de obras.
Caballero fixo fincapé á relevancia deste convenio. “Hoxe prodúcese a reincorporación da Deputación á mobilización cultural do MARCO de forma directa. Falamos dunha nova dimensión da cooperación entre ambas institucións porque estes tempos que vivimos son tempos de acordos”. “Esta firma -dixo Abel Caballero- sería imposible hai seis anos porque a Deputación non tiña presenza nesta cidade”.
“Temos que visibilizar as mulleres na arte, facer que pasen da súa calidade recoñecida a que sexa coñecida polo conxunto da cidadanía”, expuxo Carmela Silva despois da firma do acordo. Ademais, a presidenta provincial engadiu que “fai xa moito tempo que a Deputación de Pontevedra non participaba activamente neste museo, que é unha grande referencia, non só de Vigo, senón de Pontevedra e toda Galicia”. Respecto ao convenio, “vai permitir que o marco teña máis actividade da que xa ten programada”.
O convenio de promoción da muller na arte reflicte o compromiso que a Deputación de Pontevedra e a Fundación MARCO manteñen coa cultura, a igualdade e a pluralidade. Esta sintonía, que xa permitiu en casos puntuais a colaboración en actividades organizadas pola administración provincial, chega agora a un novo estado para promocionar autoras do talle de Yolanda Herranz, Celeste Garrido, Berta Cáccamo ou Sofía Madrigal.
En concreto, as accións que permitirá desenvolver este convenio serán a edición e produción de exposicións de Yolanda Herranz e Celeste Garrido; deseño, maquetaxe, edición e impresión das publicacións dedicadas a estas dúas autoras; a adquisición da obra de Sofía Madrigal e Berta Cáccamo; e a posta en marcha de conferencias, textos e visitas relacionadas coas exposicións.