Escoitar

O Concello reabrirá esta fin de semana 142 parques infantís e 68 biosaudables

Vigo comezará mañá a reactivar o uso dos parques da cidade, comenzando mañá sábado coa reapertura das áreas infantís e o domingo, coas biosaudables. O luns 22 abrirán as pistas polideportivas. O alcalde reiterou a importancia de cumprir as medidas de hixiene e seguridade establecidas, respectando “estritamente” o control de aforo.

venres, 19 xuñ 2020

 

O alcalde de Vigo avanzou esta mañá a apertura gradual dos parques de Vigo, cumprindo todas as medidas de hixiene e seguridade. Cun importe de case 400.000 euros para desinfección, carteis e vixiancia, mañá sábado quedarán operativos 142 parques infantís. As 68 áreas biosaudables da cidade abrirán o domingo 21 e o luns 22 será a quenda das 95 pistas deportivas. O horario de todas estas instalacións será de 10,00 a 22,00 horas, e a desinfección levarase a cabo a durante o peche das mesmas.

O alcalde reiterou a importancia de cumprir “con rigorosidade” cos límites de aforo que figurarán nos carteis informativos e para o que haberá sete vixiantes rotando por todas as áreas, labor na que tamén cooperará a Policía Local. Outra das instalacións municipais que verán reforzada a súa limpeza son os aseos da praia de Samil.

Zoo

Caballero tamén deu conta da reapertura do edificio principal de Vigozoo (Reptilarium e Exotarium), con medidas de seguridade e senso único para visitantes e o uso obrigatorio de máscaras, como é habitual. O pasado 8 de xuño xa abriron as zonas exteriores do zoo, con horario de martes a domingo de 11,00 a 18,30 h e un aforo total de entre 900 e 1.000 persoas.

Mercadiños

A desescalada da actividade comercial prosegue na cidade coa reactivación dos mercadiños xa que o de Bouzas abrirá este domingo 21 de xuño, mentres que o de Coia, entrará en funcionamento de novo o mércores 24 de xuño.

Descargar todas as imaxes