Escoitar

Amaral traslada o seu concerto en Castrelos a agosto do 2021 e ofrecerá este verán un acústico no Mar de Vigo

O alcalde confirmou este venres que Amaral actuará en agosto do ano 2021 no Auditorio de Castrelos. Trátase dun novo cambio no programa Vigo en Festas 2020 afectado pola pandemia do Covid-19. Ademais, o grupo zaragozano tamén ofrecerá un concerto acústico este 19 de xullo dentro da programación do Festival TerraCeo no Auditorio Mar de Vigo.

venres, 19 xuñ 2020

O grupo aragonés Amaral, que tiña previsto actuar o 25 de xullo no Auditorio ao Aire Libre de Castrelos, traslada o seu concerto ao 12 de agosto de 2021. Trátase da terceira reprogramación do Vigo en Festas pola pandemia do Covid-19 unha vez confirmado que Sting cantará o 31 de xullo do 2021 (a data inicial era o 1 de agosto de 2020) e Manuel Carrasco subirá ao escenario de Castrelos o 24 de xullo do 2021.

O alcalde, Abel Caballero, informou este venres en rolda de prensa do novo cambio no programa de festas da cidade e engadiu que os compoñentes de Amaral, Eva e Juan, ofrecerán ademais este 19 de xullo de 2020 un concerto acústico dentro do Festival TerraCeo no Auditorio Mar de Vigo.

Esta nova cita coa música na cidade, con aforo reducido a 400 persoas na terraza do Auditorio e entradas con ventan nominal, está tendo unha moi boa acollida por parte do público vigués. Segundo explicou o rexedor, xa están esgotadas as entradas para Los Secretos (3 e 4 de xullo), Coque Malla (30 de xullo) e Pablo López (17 e 18 de xullo). Aínda é posible localizar billetes para Andrés Suárez (só quedan dúas entradas para os pases do 10 e 11 xullo), Luis Zahera (12 de xullo), Rober Bodegas (16 de xullo), Ariel Rot (24 de xullo), Noites de Retranca (25 xullo), Álex Ubago (31 de xullo) e Don Patricio (2 de agosto).

Ademais, o alcalde avanzou a programación do Festival Terraceo para agosto:

  • Santi Balmes, Julián Saldarriaga y Dani Ferrer (Love of Lesbian): 1 de agosto
  • JJ Vaquero: 5 de agosto
  • Alejo Stivel: 7 de agosto
  • Uxía + Antonio Zambujo + Javier Ruibal: 8 de agosto
  • Moncho Borrajo: 9 de agosto
  • David Suárez (humor): 13 de agosto
  • Kiko Veneno: 14 de agosto
  • Carlos Sadness: 15 de agosto
  • Marlango: 22 de agosto
  • Recycled + Kimberly: 27 de agosto
  • Miss Cafeína: 28 de agosto
  • Rodrigo Cuevas: 29 de agosto