O Concello acolle a 140 persoas sen fogar e habilitará o Seminario para positivos en coronavirus
Abel Caballero acordouno co bispo e o Concello aloxará no edificio da Avenida de Madrid aos enfermos que derive o SERGAS e carezan de lugar onde pasar o confinamento, de inicio con 16 habituais individuais con baño. Ademais, o goberno de Vigo conta con outras seis vacantes para eventuais positivos entre os 140 “sen teito” acollidos nos albergues, pensións e pavillón do Berbés.
“Desde o Concello estamos a facer un seguimento moi próximo para dar atención a todas e todos os que necesiten”, asegurou o alcalde este luns. Así, o goberno de Vigo acolle actualmente a 140 persoas sen fogar nos distintos espazos dispostos ao efecto: 29 no centro de Marqués de Valterra, 38 no albergue da Fundación Santa Cruz, 28 usuarios en hostais e pensións e outros 45 no pavillón do Berbés. Caballero asegurou que a cidade está en disposición de abrir nun día un segundo polideportivo para dar cabida a persoas sen teito, en caso de ser preciso e unha vez resolto o problema de subministro de camas.
Para estas 140 persoas, explicou o primeiro edil, o Concello pactou coa Cruz Vermella dispor de seis habitacións individuais nas que pasar o illamento obrigado en caso de sospeitas ou dun eventual positivo en coronavirus, que ata o momento non se rexistrou.
Ademais, e procedentes de toda a área metropolitana, o SERGAS está a derivar a Vigo a persoas sen fogar enfermas de Covid-19 que non necesitan hospitalización para que o Concello os aloxe e lles proporcione o illamento necesario. Para eles, Abel Caballero acordou a utilización do seminario co bispo, ao que agradeceu a cesión gratuíta.
Así, os servizos municipais traballan xa na adquisición do material e na desinfección dunha das dúas alas do inmoble da Avenida de Madrid, que permitirá a utilización de 16 habitacións individuais con baño. De ser necesario, o goberno vigués prepararía a segunda, con outras 16 estancias. Abel Caballero adiantou que nun ou dous días agarda ter o seminario listo para a súa utilización.
Limpeza
Abel Caballero deu conta da prórroga por un ano do contrato de limpeza da cidade, que entrou en vigor o pasado día un deste mes. A prolongación “sempre tivémola prevista” pois estaba contemplada no contrato, engadiu o alcalde, e presenta un importe de 35 millóns de euros. O alcalde asegurou que Vigo é “a cidade máis limpa de España” e que nestes momentos cobra especial relevancia a limpeza e desinfección da cidade, como mellor garantía, xunto ao distanciamento social, contra a propagación do coronavirus.