Abel Caballero: “Estarei tranquilo cando haxa cero denuncias”
Ante a chegada da semana santa, o alcalde fixo este venres un novo chamamento a quedar na casa e cumprir coas normas do estado de alarma polo coronavirus. A Policía Local impuxo este xoves outras 40 sancións que elevan o total a 619 desde o 16 de marzo.
O rexedor deu conta das actuacións deste xoves da Policía Local para velar polo cumprimento do establecido no Real Decreto, traballo que concluíu con 40 persoas propostas para sanción, ademais de outras 28 advertencias verbais, 84 identificacións e controis a 788 vehículos.
A este último respecto, Caballero subliñou que houbo controis no Paseo de Granada, Avenida de Galicia, Gran Vía, rúa Macal, Avenida de Europa e na Travesía de Vigo, con sete condutores denunciados dos máis de 320 parados.
O alcalde asegurou que a percepción que lle trasladan os axentes é que hai menos xente nas rúas que nos días previos. Así, apuntou que a Policía Local realizou controis de afluencia e seguridade nos mercados da rúa Coruña e do Calvario, onde se cumprían as condicións esixidas no estado de alarma.
Abel Caballero valorou o comportamento xeral da cidadanía mais manifestou que corenta denuncias é un número “moi elevado”, instou á cidadanía a “quedar na casa” -máis coa inminente chegada da semana santa- e afirmou: “Estarei tranquilo cando haxa cero denuncias”.