A Policía Local sancionou a 82 persoas por quebrantar o confinamento a fin de semana
As 82 sancións impostas a pasada fin de semana elevan a 760 a cifra de denuncias que impuxo a Policía Local desde o pasado 16 de marzo. Unha vez máis, o alcalde animou a toda a cidadanía a ser responsable e permanecer na casa.
Abel Caballero detallou esta mañá que a Policía Local denunciou a 37 persoas o sábado e a 45, o domingo, o que mantén unha media dunhas 40 persoas sancionadas ao día, unha cifra similar á dos últimos días. Durante a fin de semana, tamén se realizaron 360 controis de vehículos e se identificaron a 246 persoas. Tal e como engadiu o rexedor na rolda de prensa telemática, o número de sancións desde que se decretou o estado de alarma ascende a 769.
As infraccións detectadas pasaron nesta ocasión por un bar aberto coa persiana baixada, catro mozos reunidos na rúa, ou un menor que se atopaba so na vía pública mentres a súa nai facía a compra. Neste sentido, o alcalde fixo un novo chamamento á responsabilidade para que a cidadanía permaneza nos seus domicilios.