O Concello impulsa o “Vigo, camiño a camiño” cunha ducia de actividades de sensibilización ambiental
A concelleira de Medio Ambiente, Nuria Rodríguez, presentou este luns a edición de primavera do “Vigo, camiño a camiño”, que ofrece hortas urbanas, voluntariado ambiental, cursos de formación e andainas populares. A primeira percorrerá o camiño dos canteiros de Matamá este domingo, 1 de marzo, coa inscrición xa aberta.
O Concello de Vigo retoma o programa de educación ambiental “Vigo, camiño a camiño”, unha iniciativa consolidada que, na súa edición de primavera, lanza unha ducia de propostas desde este domingo ata o mes de xuño.
O goberno vigués busca prolongar o éxito do “Vigo, camiño a camiño”, que presenta uns datos de máis de 12.500 carnés de participante, máis de 5.000 persoas nos percorridos populares, case que 350 inscritos nas hortas urbanas, 200 voluntarios medioambientais e máis de medio millar de participantes en accións formativas.
No tocante aos percorridos medioambientais, están previstas trece andainas entre marzo e xuño. Poderanse coñecer de preto os “camiños naturais de Vigo” que transitaban as mulleres e homes que subministraban a Vigo de leite, de froitos da horta e tamén de pedra para as construcións que se realizaron nos séculos XIX e XX. Con tal motivo circularase polas parroquias de Vigo (Zamáns, Lavadores e Matamá, entre outras) e comprenderase como a paisaxe condicionaba a actividade humana nese período e viceversa.
A finais de marzo e durante abril vaise levar a cabo unha experiencia interesante polo camiño histórico que unía Tui e Vigo e que en moitos casos coincide cos camiños reais ou estradas da antigüidade. Estes camiños sempre eran coherentes coa orografía e a paisaxe da época e permite coñecer de preto a bisbarra de Vigo.
Este 2020, a VII Andaina polos montes de Vigo está programada para o domingo 10 de maio. A seguinte semana remataranse os camiños históricos co “camiño polo románico en Vigo”. O 23 e 24 de maio e o 30-31 de maio terán lugar as tradicionais visitas as Illas Cíes e a Acampada para familias. Rematará a tempada con dúas visitas de día completo ás Fragas do Eume e ao Camiño dos arrieiros no Carballiño.
O prazo de inscrición para cada percorrido ábrese na mesma semana da súa celebración. Así, os interesados xa se poden anotar na primeira saída, que terá lugar este domingo, 1 de marzo, e transcorrerá polos Camiños dos canteiros de Matamá. A inscrición realízase a través do teléfono gratuíto 010 (986810260 se se chama desde un teléfono móbil).
Voluntariado e hortas urbanas
“Vigo, camiño a camiño” completa a súa oferta con outras propostas, como as hortas escola, que xa comenzaron os preparativos neste mes e ultiman os alcouves para arrancar en marzo coas plantacións de primavera, nas que como todos os anos plantaranse tomates, pementos, cebolas, berenxenas, leitugas, raviños, cabaciños, apio, espinacas, etc. As actividades realízanse en Navia, Pedro Alvarado, Fontáns, Ramón Nieto, Sardomela e Camelias. En total están dispoñibles 13.000 m2 de superficie para esta actividade.
Do voluntariado ambiental, o Concello organiza labores de recuperación no monte da Guía, nos montes de Vigo e no río Lagares, con erradicación de acacia negra e eucalipto, limpeza de espazos protexidos e mantemento dos sendeiros locais. Tamén continúan os paseos dos cans do refuxio de animais abandonados de Vigo.