Escoitar

O Concello dedica 2,5 millóns de euros ao programa contra os desafiuzamentos

A Xunta de Goberno Local aprobou as bases e a convocatoria do programa de loita contra os desafiuzamentos con axudas para vivenda, alimentos e subministros e deu luz verde á subvención de actos organizados por asociacións veciñais e culturais.

xoves, 2 xan 2020
1577972995020120AlcaldeRueda.jpg
O alcalde deu conta este xoves dalgúns dos acordos tomados na Xunta de Goberno Local como a aprobación das bases e a convocatoria do Programa contra desafiuzamentos para o ano 2020 que ten un importe total de 2,5 millóns de euros, dos que agora se convocan preto dun millón de euros.

O rexedor explicou os cambios estruturais que presenta esta nova convocatoria: no caso dos alugueiros, elévase o limiar unha media do 25% para que poidan acceder ás axudas máis familias. Así, nas unidades familiares dun membro o limiar sitúase en 300€, 400€ para familias de dous membros, 450€ nas de tres, 500€ nas unidades familiares de 4 membros, 550€ nas de 5 e 600€ nas de 6 ou máis membros.

O Concello sobe tamén o limiar no concepto de axudas de alimentos unha media de 55 euros para a cobertura das necesidades alimentarias e ábrese unha liña de axudas novas que explica o rexedor: "vamos a apoiar á xente con poucos recursos para a adaptación dos fogares en materia de eficiencia enerxética" axudando co illamento da vivenda, electrodomésticos de baixo consumo ou caldeiras eficientes naquelas casas que o precisen, de xeito que as facturas de enerxía sexan menores.

A Xunta de Goberno Local aprobou tamén as subvencións para o financiamento de gastos de organización de actos sociais e encontros veciñais para o año 2019, que teñen un importe total de 35.000 euros. 10 entidades viguesas foron beneficiadas con 18.200 euros en axudas: a Asociación Veciños Casco Vello (1.200€), Asociación de Veciños e Centro Social Beade (2.700€), Asociación veciñal San Roque (1.452€), Asociación Veciños Feira Cabral (2.200€), Centro Cultural Valladares (2.700€), Unión Veciñal e Cultural Candeán (1.500€), Helios Bembrive (1.391€), Festas Candeán (2.000€), Asociación Folclórica Os Ventos de Comesaña (1.210€) e Asociación de Festas a Paloma da Garrida (2000€).
Descargar todas as imaxes