Escoitar

O Concello destina 350.000 euros a axudas ao alumnado da Universidade

Segundo informou este xoves o alcalde, o goberno de Vigo aprobou o convenio coa Universidade de Vigo para levar adiante un programa de axudas que buscan que ninguén quede excluído dos estudios universitarios por criterios económicos.

xoves, 12 dec 2019
1576157872121219Alcalde.JPG
O texto do convenio coa Universidade de Vigo foi validado este xoves pola Xunta de Goberno Local e supón unha achega de 350.000 euros que o Concello adica a un programa de axudas ao alumnado.

Explicou Abel Caballero que o goberno que preside procura garantir que ningún alumno quede excluído dos seus estudos por razóns económicas ou circunstancias familiares que poidan dificultar o seu acceso ou permanencia na Universidade. Este programa, que correrá a cargo da propia institución académica viguesa, inclúe "de forma moi importante" axudas de comedor, anotou o alcalde.

As bases do plan terán en conta, polo tanto, o nivel de renda económica dos solicitantes e as súas condicións especiais, como por exemplo ser vítima de violencia de xénero, tal e como especificou o rexedor vigués, que valorou esta "boa experiencia" que promove o Concello coa Universidade.

Contratación
A Xunta de Goberno Local tamén aprobou este xoves o marco estratéxico dun novidoso Plan de Integridade na Contratación no Concello de Vigo, pioneiro en España. O obxectivo é optimizar a xestión dos recursos públicos en aras dunha maior eficiencia, eficacia e calidade dos servizos públicos, segundo anotou Abel Caballero.

Engadiu o alcalde que esta aprobación sitúa a Vigo á cabeza na posta en marcha de estratexias de integridade institucional en materia de contratación, seguindo as técnicas máis innovadoras en prevención e xestión de riscos e os estándares internacionais de integridade máis elevados, os recomendados pola OCDE.

O Plan é o marco xeral dun proxecto que inclúe accións a desenvolver por fases e ofrece un marco de traballo sobre catro eixos fundamentais para levalas adiante: as persoas, a tecnoloxía, os procesos e a mellora continua. A contratación pública supón o 64% do orzamento final do Concello, afirmou o alcalde.

O Comité de Integridade estará composto pola secretaria da Xunta de Goberno Local, a titular de Asesoría Xurídica, o interventor e o tesoureiro do Concello, a xefa de servizo de Contratación e o seu homólogo de Administración Electrónica. Os traballos deste órgano xirarán en torno á posta en marcha de medidas no marco da mellora continua e a rendición de contas, aliñadas coa consecución dos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) e unha contratación socialmente responsable.

Teis
Por último, Abel Caballero informou da mellora do proxecto de reconstrución dun muro á altura do número 10 de Baixada á Igrexa, en San Salvador de Teis. A Xunta de Goberno Local acordou modificar o proxecto inicial ampliando ata os tres metros o ancho do camiño ao longo de 35 metros, cando inicialmente era de 25 metros.

Con esta decisión, adoptada polo goberno de Vigo logo de conversas con veciños da zona, se consegue mellorar a estabilidade do terreo e facilitar a circulación rodada polo vial, concluíu o rexedor vigués.
Descargar todas as imaxes