Escoitar

O Concello organiza unha nova edición de Vigolandia con actividades para pequenos e maiores

O concelleiro de Festas, Ángel Rivas, presentou as actividades da décimo sexta edición da festa do Nadal que se celebrará entre o 26 e o 30 de decembro con actividades de lecer e aprendizaxe para os máis pequenos da casa.

mércores, 11 dec 2019
1576072007vigolandia1.jpg
O concelleiro de Parques, Xardíns, Comercio e Festas Especiais, Ángel Rivas, presentou este mércores no Concello de Vigo unha nova edición de Vigolandia e agradeceu a axuda dos colaboradores do evento para facer posible que a cita volva celebrarse.

Arsenio Prieto, director xerente do IFEVI, sinalou que este este ano haberá de novo un inchable de 140 metros ou un obradoiro de mini chefs para aprender a desenvolverse na cociña. Entre os seus principais atractivos atópase tamén unha tirolina que irá unida a unha ponte tibetana. Estes elementos xa estiveron o ano pasado e causaron furor entre os máis pequenos da casa.

A feira tivo máis de 13.000 visitantes en 2018 e espera repetir esa cifra este ano ou mesmo superala. De novo a orgnaización volverá convidar aos participantes do concurso de pintura. Mentres, o resto terá que abonar 5 euros para poder acceder ao recinto. No seu interior, os nenos e as nenas atoparán tamén un circuíto viario, un taller de maquillaxe, outro de ‘ mini chefs’ e diferentes actividades deportivas e de manualidades, ata alcanzar o medio centenar de propostas lúdicas.

Ademais, do mesmo xeito que en edicións anteriores, Vigolandia explotará a súa vertente solidaria habilitando un punto de recollida de alimentos non perecedoiros. A feira abrirá as súas portas o xoves 26 de decembro de 16.00 a 20.00 horas e o resto de días, ata o luns 30 de decembro, poderase visitar sen interrupción de 12.00 a 20.00 horas.

Entre as empresas colaboradoras atópanse Alcampo, Bombeiros de Vigo, Didicar, Grupo Radio Vigo, Federación Galega de Billar, Federación Galega de Tenis, Limpezas Almi, Policía Local de Vigo, Renault Rodosa Galicia, Riescontrol, Agrupación Deportiva Escolar Baixo Miño, Anfaco Cecopesca, Cátering Galicia, Montes de Vigo, VODEA e VeoVisión Soluciones IP.
Descargar todas as imaxes