Escoitar

Abel Caballero subliña a calidade dos textos presentados ao VI Certame de Relatos Vigo Histórico

Este venres, na Casa Galega da Cultura, desvelouse o resultado do concurso. "Cerrado por defunción", de Sara Barbazán, foi designado o relato gañador por un xurado presidido por Javier Romero, da Editorial Elvira, e coa participación, entre outros, do xornalista Jacobo Buceta, ambos presentes no acto desta mañá xunto ao alcalde de Vigo.

venres, 4 out 2019
1570192749041019RelatosVigoHistorico.JPG
Abel Caballero foi o encargado de dar lectura ao nome da gañadora da sexta edición do Certame de Relatos Vigo Histórico, que este ano contou cunha elevada participación ao recibirse máis de 200 textos recibidos e 173 admitidos. O rexedor eloxiou a calidade dos escritos e o difícil labor dos membros do xurado á hora de decidir.

O relato "Cerrado por defunción", de Sara Barbazán, é o gañador da sexta edición do Certame de Relatos Vigo Histórico, organizado por Editorial Elvira co apoio do Concello de Vigo, ao que este ano se presentaron máis de 200 relatos (foron aceptados 173), nunha das edicións con maior participación. O segundo premio foi para "La ventana", de Rosendo Cid Menor.

No día de hoxe celebrouse na Casa Galega da Cultura unha rolda de prensa para dar a coñecer a resolución do certame. No acto informativo participaron o alcalde de Vigo, Abel Caballero, o editor da Editorial Elvira, Javier Romero, e o xornalista Jacobo Buceta, membro do xurado, que foi o encargado de ler a resolución e dar paso ao alcalde para a lectura do nome da gañadora. O acto contou coa presenza dunha nutrida representación da Fundación Igual Arte, entidade coa que colabora a Editorial e que este ano, a través do seu grupo de deseño Diseñatas, foi a artífice da cuberta do libro.

Resultou gañador da sexta edición do certame o relato "Cerrado por defunción", de Sara Barbazán, un escrito de ciencia ficción no que descubrir un Vigo diferente, oculto e escuro. Ademais, o segundo premiado foi Rosendo Cid co seu escrito La Ventana, no que vese como unha falcatruada pode provocar (sen sabelo ninguén) unha serie encadeada de sucesos. O gañador recibe un premio de mil euros, mentres que o segundo terá 500 euros e os 4 accésits, 200 euros cada un.

No Certame de Relatos Vigo Histórico, que vai xa pola súa sexta edición, o tema é libre pero hai unha esixencia fundamental: Vigo ten que ter un papel protagonista nos relatos presentados. Este ano houbo un menor número de relatos en galego, en parte porque se notou un importante incremento de relatos procedentes de Hispanoamérica: Colombia, Cuba, Arxentina, Chile, Nicaragua ou Venezuela. E por suposto, de toda Galicia e todo o territorio español (Sevilla, Madrid, Barcelona, Alacante, Murcia, Segovia, Valladolid, Huelva, Castellón, Baleares, Granada, Girona, Valencia, Bizcaia, Cádiz....).

Dentro dun par de meses aproximadamente realizarase o acto de entrega dos premios e a presentación do libro Relatos na Rúa VI, no que aparecerán publicados os relatos premiados e unha ampla escolleita dentro dos presentados.

Dende hai dous anos, Editorial Elvira colabora coa Fundación Igual Arte de xeito que un euro de cada libro vendido se lles entrega. Ademais atopamos outras formas de cooperación para dar visibilidade a todo o traballo desenvolvido por esta Fundación: o pasado ano foron protagonistas da gala de entrega dos premios e tamén presentaron relatos a través do obradoiro de escritura. Nesta edición, a cuberta será unha fermosa obra realizada por Diseñatas, o grupo de deseño da Fundación Igual Arte, e no interior do libro tamén se verá algunha achega máis e, por suposto, serán parte moi activa no acto de entrega de premios e presentación do VI libro de relatos na rúa.

Coma sempre, hai que destacar o enorme traballo do xurado do Certame de Relatos Vigo Histórico, que ten a difícil tarefa de elixir. O noso gran equipo estivo formado pola escritora Ledicia Costas; o pintor Antón Pulido, o editor Bieito Ledo, a filóloga e mestra Concepción Varela Portela, o xornalista Jacobo Buceta; a filóloga e poeta Patricia Meira, a xornalista Noelia Otero Lago; o profesor e escritor Julio Alonso e o historiador e membro do Instituto de Estudios Vigueses, José Luis Mateo Álvarez.
Descargar todas as imaxes