Escoitar

A reordenación do Barrio do Cura chegará ao Pleno o martes 8 de outubro

A Xunta de Goberno aprobou inicialmente a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Urbana para a reordenación do ámbito do Barrio do Cura. Será o próximo martes 8 de outubro cando o documento sexa sometido ao ditame do Pleno da Corporación, para pasar posteriormente a exposición pública durante dous meses.

xoves, 3 out 2019
O goberno local convocará o martes 8 de outubro un pleno extraordinario para someter a votación a reordenación do Barrio do Cura, unha vez aprobada pola Xunta de Goberno. A partir de aí, será publicado no Diario Oficial de Galicia e abrirase un período de exposición pública de dous meses para a presentación de alegacións, tempo durante o cal se solicitarán á Xunta os informes sectoriais preceptivos de Urbanismo, Patrimonio e Costas.

O expediente, ademais de contemplar a notificación individual aos titulares catastrais dos terreos afectados, recolle que a razón principal do interese público desta actuación é a necesidade de facer fronte ao proceso de deterioro do Barrio do Cura. De feito, xa comezaron as obras de demolición, con total respecto á preservación dos valores patrimoniais. Do antigo asilo so queda a fachada da igrexa -elemento protexido – que non se vai desmontar senón que se adoptarán as medidas precisas para garantir a súa estabilidade durante as obras.

O PERI do Barrio do Cura foi deseñado por Alfonso Penela e aprobouse por unanimidade no Pleno en 2014 e, no ano 2018, a Xunta resolveu non someter a avaliación ambiental estratéxica ordinaria esta ordenación. Os principais obxectivos desta recuperación urbanística pasan, ademais de frear o proceso de deterioro do barrio, por conservar pezas de valor histórico e rematar partes inacabadas do tecido urbano creado nos anos 60, procurando unha integración harmónica coa estrutura da cidade histórica.

Resolverá a articulación e conexión do Casco Vello con Torrecedeira e tamén mellorará a comunicación e mobilidade transversal desta parte da cidade e, sobre todo, entre o eixo Paseo de Alfonso -Pi i Margall e as zonas máis baixas do contorno da actuación. Con este obxectivo está previsto, por unha banda, unha conexión peonil entre o Paseo de Alfonso XII e a zona de Ribera, así como entre Santa Marta e Poboadores, facilitando a mobilidad vertical e, por outra, a mellora da mobilidade rodada coa ampliación do viario de conexión entre o eixo Paseo de Alfonso XII -Pi i Margall e Torrecedeira (Llorente e Santa Marta).

O Barrio do Cura contará con case 4.000 m² de zonas verdes e a lo menos 168 árbores; máis de 2.500 m² de equipamento público sociosanitario-educativo; 5.500 m² de superficie en praza e espazo público e máis de mil prazas de aparcamento. O documento reserva un 30% de vivenda protexida -tal e como figuraba no PXOM de 2018, superando o mínimo legal, situado nun 10%

Bono taxi
O goberno local deu luz verde tamén ás axudas do programa Bono-Taxi para persoas con discapacidade das que se beneficiaron 108 persoas. Cun importe total de 25.000 euros, as achegas oscilan entre os 100 e os 300 euros, dependendo da capacidade económica dos usuarios. O obxectivo desta iniciativa é favorecer a integración das persoas con mobilidade reducida.