Escoitar

O goberno local aproba a cubrición do patio do CEIP de Balaídos cun orzamento de case 400.000 euros

O alcalde sinala que este será o sexto centro educativo da cidade no que o goberno municipal cubra o patio, sendo unha competencia da Xunta de Galicia. Amais, quedou aprobado o convenio con Vegalsa-Eroski para o Camiño a Camiño

venres, 20 set 2019
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación da contratación do servizo de mantemento de ascensores de colexios públicos, escolas infantís e outros edificios dependentes de Educación por 33.000 euros nun período de dous anos.

Abel Caballero engadiu que o Concello destina máis de 5 millóns de euros a accións nos colexios públicos, sen incluír bolsas de inglés ou comedor. Así, o goberno de Vigo inviste case 3 millóns de euros á limpeza dos centros educativos, 500.000 a reparacións e mantemento, 90.000 a conservación, 620.000 a subministros e 92.000 ás caldeiras de calefacción. "Somos corresponsables; temos unha parte importante da competencia", sentenciou.

Na mesma sesión da Xunta de Goberno Local quedou aprobada a proposta de aprobación do proxecto básico e de execución da cuberta do patio do Colexio de Balaídos, cun importe de 397.485 euros. O rexedor apuntou que se trata dunha "obriga e competencia da Xunta de Galicia, que non parece que teñan moito empeño en cumprir" e destacou o investimento municipal, superior aos 3 millóns de euros, na cubrición de patios de colexios, logo de finalizar os de García Barbón, Canicouva, Rocío, Castelao e Carballal e ter en tramitación o de Pintor Laxeiro así como numerosas peticións doutros centros da cidade. "Vamos polo sexto patio a cubrir mentres a Xunta non fixo ningún", recalcou Caballero.

Camiño a Camiño
A Xunta de Goberno Local aprobou tamén o proxecto de convenio de colaboración con Vego Supermercados (Grupo Vegalsa-Eroski) para a realización de actividades de sensibilización e educación ambiental do programa Camiño a Camiño, ao longo de oito días en outubro e novembro. O acordo de cooperación que "agradezo e aprecio moito", segundo apuntou o rexedor, ten un importe de 15. 000 euros máis IVE.