Escoitar

Caballero anuncia 5.000 prazas para as escolas deportivas municipais 2019/2020 apoiadas por 61 clubs

O alcalde presentou o curso 2019/2020 do programa municipal de escolas deportivas, para nenos e nenas de 6 a 18 anos e que arrincará o 1 de outubro próximo.

venres, 20 set 2019
1568997829IMG_9172.jpg
Será o de maior investimento municipal na historia ao elevarse o seu orzamento a 370.000 euros, 50.000 máis que na tempada anterior (unha subida do 15,6%) "porque os seguros eran inasumibles para as e os cidadáns", dixo o rexedor. Así, os prezos manteranse este ano.

Caballero, acompañado do concelleiro de Deportes, Manel Fernández, e dunha representación das entidades deportivas que se encargan de impartir as modalidades nas instalacións municipais (Maniotas, Baloncesto Seis do Nadal, Xuvenil de Teis e Carpa Viqueira), anunciou que ata o vindeiro día 25 estará aberta a matrícula para calquera deporte. Despois, no quinto día de cada mes poderase incorporar novo alumnado.

O alcalde manifestou que esta "é unha gran liña de acción para a potenciación do deporte e debo dicir que non hai nada similar a isto en toda Galicia". O Concello saca 5.000 prazas en 37 disciplinas, as mesmas que na campaña anterior.

O xefe do goberno local recoñeceu que "o interese polas escolas deportivas cada vez aumenta máis". De feito, este ano supéranse por vez primeira o teito das 60 entidades deportivas (61). "As escolas forman parte do noso programa de apoio integral ao deporte de base, no que participan 33.200 deportistas".

O alumnado abona 43,15 € por 8 meses de curso salvo en natación sincronizada, remo, vela, kayak, waterpolo, piragüismo e escalada (111,20 euros).
Descargar todas as imaxes