Escoitar

O MARCO inaugura o próximo xoves a mostra con obras de Picasso, Magritte, Tàpies ou Chillida

En colaboración coa Fundación Telefónica, o céntrico museo vigués ofrecerá desde o 16 de maio a mostra "Destacados. Colección Telefónica", por primeira vez en Galicia, con máis de 150 obras en papel, pintura e escultura que debullan unha panorámica dalgúns dos capítulos máis interesantes da arte do século vinte.

xoves, 9 mai 2019
A montaxe da exposición está próxima a terminar para que desde o próximo xoves, 16 de maio, o MARCO abra as súas portas á mostra "Destacados. Colección Telefónica", unha exposición con máis de 150 das pezas máis salientables dos fondos da empresa. Ata setembro, o museo vigués acollerá obra en papel, pintura e escultura de artistas como Picasso, Gris, Magritte, Delvaux, Chillida e Tàpies, entre outros.

A mostra recala en Galicia por primeira vez e traza unha panorámica dalgúns dos capítulos máis interesantes da historia da arte do século XX, de dentro e fóra das nosas fronteiras. A importancia das obras non só reside na corrente artística que representan, senón tamén na transcendencia do seu autor e o interese que xeran figuras deste calibre no ámbito cultural e social.