Escoitar

O Concello notificou a aprobación da ordenación provisional a 46.000 propietarios

O Boletín Oficial do Estado vén de publicar o DNI dos 8.881 titulares aos que o Concello non foi quen de localizar para comunicarlles esta tramitación e tamén a lista dos cinco solares que se incorporarán ao rexistro de edificación forzosa, ao non ter podido contactar cos propietarios.

martes, 5 mar 2019
1551794377050319AlcaldeBOE.jpeg
O alcalde explicou que o BOE publicou este luns a lista dos propietarios que non se puideron localizar para comunicarlles a aprobación inicial da ordenación provisional, que permitirá recuperar 54.000 parcelas edificables.

Así, o Concello notificou este paso da tramitación a 46.000 propietarios que van poder edificar nas súas parcelas 1.737 por vía telemática e 35.393 persoalmente). Quedaron 8.881 persoas sen localizar, cuxo DNI publica o BOE nun total de 275 páxinas. Logo da publicación, estes propietarios teñen 20 días hábiles para a presentación de alegacións e a "partir de aí, informe de alegacións, aprobación final e posibilidade de edificar", sinalou o rexedor que engadiu que ata este momento, das 46.000 notificacións soamente hai 387 alegacións, o que significa que o "acordo destes titulares coa proposta de edificación é total".

O instrumento de medidas de ordenación provisional vaise aprobar de forma "practicamente inmediata e teremos recuperado o 35% do total da edificación do plan anulado polo Tribunal Supremo", dixo Caballero.

Rexistro de solares
Tamén vén de publicarse no BOE a lista dos cinco solares a cuxos propietarios foi imposible localizar para notificarlles que se incorporarán ao rexistro de solares dentro do Primeiro Programa de Edificación Forzosa do Concello de Vigo. Son os titulares das fincas situadas en Alfonso XIII, Rogelio Abalde, Abeleira Menéndez, Sombrereiros e Puerto Rico.

Previamente, xa foran notificados os propietarios de 25 solares nas rúas Areal, Rúa Pazo, Puerto Rico, Vázquez Varela, Rogelio Abalde, Rúa Alta, Ferrería, Subida ao Castelo, Abeleira Menéndez, Canellón Estreito, Poboadores, Rúa Perigos, Calle Real.

O alcalde sinalou que o Concello terá 30 solares para sacar a poxa pública se os seus propietarios non edifican. "Dito de forma coloquial: acabouse a broma de ter solares sen edificar indefinidamente afeando a cidade, provocando mal urbanismo, zonas de sucidade, marxinalidade...".
Descargar todas as imaxes