Escoitar

O goberno de Vigo adxudica humanizacións no barrio de Ribadavia e en Redomeira con Aragón

Anunciouno este martes Abel Caballero en rolda de prensa, quen engadiu que o Concello actuará nas rúas Forno e Calazas nesta segunda fase, logo de ter xa mellorado a rúa Ribadavia e as travesías primeira e segunda. Na confluencia de Redomeira e Aragón, o goberno vigués incluirá unha zona verde na remodelación.

martes, 12 feb 2019
O alcalde informou este martes da adxudicación do contrato de humanización da segunda fase do barrio de Ribadavia, cun orzamento de 241.000 euros para actuar nas rúas Forno e Calazas. Alí, segundo citou Caballero, acometerase unha mellora que contempla a renovación das canalizacións de saneamento e abastecemento de auga, novo pavimento e alumeado público, retirando os tendidos aéreos.

O Concello continúa así coa remodelación do barrio de Ribadavia, despois de ter completada a primeira fase, que supuxo a reforma das travesías primeira e segunda e da propia rúa Ribadavia. En total, sumadas ambas fases, o Concello supera os 450.000 euros de investimento.

Abel Caballero recordou que, no entorno, o goberno que preside está a ultimar a humanización da rúa Colombia e constrúe un ascensor á Praza de Isabel A Católica, ademais de humanizacións en Couto Piñeiro e Pizarro.

Redomeira
En segundo lugar, o goberno de Vigo adxudica tamén o contrato de humanización da unión das rúas Redomeira e Aragón. Recordou o alcalde que, hai un ano, o Concello comprou unha edificación situada na esquina para derribala, pois dificultaba a comunicación entre Redomeira e Aragón. Agora o goberno vigués procede coa humanización da zona, onde construirá beirarrúas, renovará o alumeado e contará cunha zona verde.