Escoitar

O alcalde valora os resultados positivos do Portal de Transparencia municipal

A Xunta de Goberno Local aprobou a Memoria de Transparencia do Concello de Vigo 2017-2018 que reflicte un incremento do 48% no uso do portal por parte da cidadanía que pode acceder a toda a información da xestión municipal.

luns, 4 feb 2019
"No Concello imos moito máis alá do establecido polas prescricións legais e polos indicadores de Transparencia Internacional" apuntou Abel Caballero quen salientou que desde o Concello "desenvolvemos políticas de transparencia e goberno aberto, reforzando os medios e recursos municipais asignados a este fin".

Segundo expuxo o rexedor, ao dar conta da aprobación da Memoria de Transparencia 2017-2018 por parte da Xunta de Goberno Local, a política de transparencia e bo goberno do Concello planificouse desde o principio de forma transversal coo implicación de tódolos departamentos e o documento amosa resultados "moi positivos" en termos de avaliación das políticas municipais de transparencia.

O uso do Portal de Transparencia por parte da cidadanía aumentou un 48% e en decembro de 2018, visitáronse 22.321 páxinas. Caballero sinalou que as páxinas máis visitadas foron, en primeiro lugar, as que ofrecen información sobre a corporación municipal e, en segundo lugar, as de contratación e custo dos servizos.

No Portal pode accederse a "toda a información do Concello": a publicidade activa (tarefas de difusión da información municipal), acceso á información pública, Índice de transparencia dos concellos 2017 e bo goberno e boas prácticas municipais.

Amais, o alcalde explicou que no último informe ITA (Índice de Transparencia dos concellos) de 2017 Vigo foi declarado o consello máis transparente de Galicia con 98,8 puntos sobre 100. Así queda recollido no informe elaborado pola organización Transparencia Internacional que analiza as 110 maiores corporacións municipais de España. "O noso nivel de cobertura segundo Transparencia Internacional é de 98,8%; información total".

Ademais, en 2015, Vigo gañou os premios nacionais de Smart City e da Fundación Socinfo (Premios da Sociedade da Información). Estes proxectos incluían o nivel de calidade dos servizos informativos do portal corporativo, sede electrónica e portal de transparencia.