Escoitar

Manel Fernández espera un milleiro de "runners" na Calvario 5+5, que mantén o percorrido do ano pasado

O concelleiro de Deportes anunciou que a segunda edición da carreira Calvario 5+5, este domingo, "espera unha participación considerable, por enriba do milleiro de participantes", e aplaudiu a continuidade do evento "gracias ao traballo da Asociación de Veciños do Calvario e o patrocinio do Concello".

luns, 4 feb 2019
1549304401IMG_5280.JPG
Nunha presentación da proba no Concello, na que o edil estivo acompañado por directivos da asociación veciñal (Raúl Fontán, o seu presidente, Roberto Rey e Anxo Bastos), avanzouse a ampliación do prazo de inscrición (remataba este mércores e prolóngase ata o venres). A cuarta carreira do calendario pedestre 2019, terceira de febrero, conta xa con medio milleiro de inscritos para este domingo, cando ás 10:00 horas os "runners" dos 5.000 metros abran a serie de seis saídas.

"É unha carreira chea de cor, ánimo, ilusión, optimismo e alegría", explicou o concelleiro, que lembrou que esta acción, coas carreiras de 5.000 (10:00 horas), 10.000 (11:00) e as probas de promoción (12:15 horas) "encherán toda a zona do Calvario de deportistas e participantes".
Raúl Fontán, que expuxo que "sen o Concello sería absolutamente imposible realizar esta proba", apuntou os obxectivos deste ano: "Quedamos moi contentos da primeira edición, o listón está moi alto, e nesta ocasión esperamos igualar a participación da primeira". No 2018 foron 802 os inscritos e nestas alturas xa hai preto de 570 corredores entre séniors e os de base.

A Fundación Igualarte aporta os trofeos, "ademais elaborados polo alumnado da fundación, o que lle dá un valor engadido", explicou, e indicou que a ampliación de prazo é "para aumentar a participación. Este ano imos acompañar a luz e a cor desta proba con sorpresas, música, confeti… Imos darlle un valor de diversión á carreira".

Rey, tamén atleta e actual líder na súa categoría (M5) do circuíto Run Run Vigo, dixo que "a Calvario 5+5 xurdiu visto que había carreiras noutros barrios. O Calvario é un sitio moi emblemático, para min o mellor barrio de Vigo, e ten unha vistosidade engadida pola contorna da saída, fronte á praza".
Os organizadores din que a súa meta é "mellorala este ano e na asociación queremos que sexa unha das mellores de Vigo", avanzou Rey.

As carreiras de promoción, que o ano pasado abrían as competicións, serán agora de peche, mentres que o percorrido mantense. O evento consta de diferentes distancias para os nenos e as nenas segundo a súa idade (80 metros, 700, 1.400 e 2.100), ademais do 5K e o 10K erase por un circuíto que discorrerá pola peonil, Toledo, Cronista Espinosa, Aragón, Travesía de Vigo, Aragón, Jenaro de la Fuente, Gregorio Espino e Urzaiz.
Descargar todas as imaxes