Escoitar

O Concello autoriza a construción dunha nova escola infantil en Bembrive

Abel Caballero informou este xoves da concesión da licencia de obras para erixir unha nova escola infantil en Areeiro, Bembrive. A construción corre a cargo da Fundación Amancio Ortega nunha parcela cedida polo Concello, que á súa vez encargarase da xestión e mantemento desta escola de 82 prazas.

xoves, 31 xan 2019
O alcalde informou este xoves da concesión de licencia de obras á Fundación Amancio Ortega, que investirá 855.000 euros na súa construción nunha parcela de Areeiro, en Bembrive, cedida polo Concello. A administración local encargarase despois da súa xestión e mantemento.

A de Bembrive sumarase á oito escolas infantís coas que conta o Concello actualmente, que reciben unha subvención media de entre 200.000 e 250.000 euros, segundo anotou Caballero. O alcalde engadiu que, no tocante ao pago dos usuarios, a subvención media do custo por praza é do 82%, mentres que aproximadamente a metade das familias non abonan nada, por criterios de renda económica.

A futura escola infantil de Bembrive ofrecerá 82 vacantes para nenos de entre cero e tres anos, que se sumarán ás máis de 600 das que xa dispón o Concello nos seus centros de Saiáns, Bouzas, Tomás Alonso, Casco Vello, Teis, Lavadores, Castrelos e Navia.