Escoitar

O Concello avoga por un edificio singular para a Biblioteca do Estado e pide o apoio da Xunta

Cos únicos votos favorables dos edís do goberno vigués, o Pleno aprobou este mércores unha moción que insta á Xunta de Galicia a que "apoie o compromiso do Ministerio de Cultura co alcalde de construír un edificio emblemático e singular" e polo tanto a retirar a súa proposta de emprazar a Biblioteca nos actuais edificios dos xulgados cando estes queden baleiros.

mércores, 30 xan 2019
O goberno de Vigo defende erixir a Biblioteca do Estado nos terreos próximos aos actuais edificios dos xulgados da rúa Lalín -que tamén serían utilizados no futuro para usos culturais e educativos-, construíndo un edificio "emblemático e singular" deseñado para o seu uso como biblioteca. O ministro de Cultura adquiriu este compromiso nunha reunión co alcalde de Vigo, despois da cal o presidente da Xunta visitou Madrid para ofrecer ao titular do Ministerio empregar os actuais edificios, cando estes queden baleiros.

O Pleno acordou hoxe mércores, cos únicos votos do grupo de goberno -pois Marea abstívose e o PP non participou nin no debate nin na votación- instar á Xunta de Galicia a "que retire a súa proposta" e "que apoie o compromiso do Ministerio de Cultura co alcalde de Vigo de construír un edificio emblemático e singular para albergar esa nova dotación cultural".