Escoitar

O alcalde subliña a "calidade" do proxecto "Movendo camiños", da asociación Érguete

Abel Caballero participou este xoves na presentación dunha iniciativa que procura inculcar nos usuarios dos programas de Érguete os beneficios da práctica do deporte e do atletismo en particular. Co apoio dos profesionais Daniel Bargiela e Manuel Ageitos, o obxectivo é que os participantes poidan completar os cinco quilómetros da carreira "Érguete e corre" do próximo 31 de marzo.

xoves, 17 xan 2019
1547732953170119Erguete.JPG
Na presentación deste xoves tomaron parte xunto ao alcalde a presidenta de Érguete, Carmen Avendaño, os propios Bargiela e Ageitos, Celso Mijón en representación de La Caixa e Nacho Fernández, participante do proxecto.

"Movendo Camiños" comezou este mes de xaneiro e conclúe en marzo, co obxectivo de que os participantes poidan completar a carreira do 31 de marzo na súa distancia de cinco quilómetros. A longo prazo, e despois duns adestramentos dirixidos por Bargiela e Ageitos, a finalidade é "aprender e comprender", en verbas de Abel Caballero, os beneficios do deporte como forma de prevención e mellora do benestar e dun estilo de vida saudable.

O alcalde valorou este "gran proxecto" que realiza a asociación e agradeceu a participación dos atletas, que dotan de "calidade" e "nivel" á iniciativa. Caballero, que tamén agradeceu a cooperación da obra social de La Caixa, amosouse "encantado" de apoiar a Érguete: "é unha honra para este Concello".

Na práctica, a nova proposta de Érguete tradúcese na creación dun grupo de traballo no que se fomentan os hábitos de vida saudables a través da práctica do running, con adestramentos colectivos dous días por semana e exercicios por conta propia no resto das xornadas da semana.
Descargar todas as imaxes