Escoitar

Un comité de expertos de prestixio nacional elixirá ao novo director do MARCO entre seis aspirantes

Seis profesionais de toda España optan a dirixir o MARCO dentro da convocatoria pública aberta que conta cun Comité Técnico de valoración de gran "independencia e prestixio". Entre outros expertos, forman parte do xurado Miguel Zugaza, actual director do Museo de Belas Artes de Bilbao e ex responsable do Museo do Prado ; así como Juan Miguel Bonet, director do Instituto Valenciano de Arte Contemporáneo entre 1995 a 2000 e, posteriormente, responsable do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía.

venres, 14 dec 2018
O alcalde deu conta da presentación de seis candidaturas procedentes de distintos puntos de España para dirixir o MARCO. Tal e como explicou, o día 21 de xaneiro reunirase o Comité Técnico para avaliar toda a documentación presentada e o día 31 será a quenda da entrevista persoal.

En rolda de prensa, o rexedor destacou o prestixio e a cualificación profesional dos membros do Comité Técnico de selección, que está presidido polo concelleiro de Cultura, Cayetano Rodríguez Escudero.

Por parte do Concello, foron elixidos Miguel Zugaza, actual director do Museo de Belas Artes de Bilbao e director do Museo do Prado entre 2002 e 2017, así como Juan Manuel Bonet, director do Instituto Valenciano de Arte Contemporáneo entre 1995 a 2000 e, posteriormente, responsable do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía. Entre setembro de 2012 y xaneiro de 2017 foi director do Instituto Cervantes de París, para pasar a ser o máximo responsable desa entidade no ámbito internacional en xaneiro de 2017. O membro do Comité designado pola Xunta é Antón Castro Fernández, profesor titular do Departamento de Historia da Arte da Universidade de Vigo, mentres que Miguel González Suela, subdirector xeral de Museos de España é o representante do Goberno Central.

Caballero subliñou que "é a primeira vez que para elixir director do MARCO se conta cun comité desta independencia e prestixio". Esta modalidade permitirá, en verbas de Caballero, mellorar outros procesos de selección anteriores, dotar de maior transparencia e calidade unha convocatoria pública que garante a confidencialidade das candidaturas.