Escoitar

O Concello lanza a app Vigo, unha canle directa e bidireccional de información cidadá

Presentada este venres polo alcalde, a nova aplicación permite recibir notificacións diarias sobre temas de interese, datos en tempo real e enviar avisos, ademais de ofrecer información sobre máis de 5.000 elementos da cidade. Dispoñible de balde para Android e iOS.

venres, 14 dec 2018
1544795208141218app.jpg
A nova app Vigo forma parte da estratexia "smart city" da cidade, creada como unha nova canle directa e bidireccional de comunicación coa cidadanía, que permite recibir avisos diarios sobre cuestións como o tráfico, a cultura, noticias ou o emprego e ademais fai posible que a cidadanía participe na mellora da cidade remitindo a través da aplicación avisos e suxestións da mellora, que serán canalizados a través do servizo de atención cidadá 010.

É unha das plataformas cidade máis completas de España, con información de máis de 5.000 elementos da cidade e acceso a datos actualizados diariamente e tamén en tempo real, caso do tráfico, as cámaras do Concello e a chegada dos autobuses urbanos, entre outros.

A aplicación Vigo aglutina todos os servizos da cidade, como a axenda de eventos, as noticias e os avisos. Tamén proporciona información do tempo, do rueiro, dos parques, praias, fontes e mercados da cidade, así como das instalacións deportivas, culturais e deportivas coas que Vigo conta. O apartado de turismo inclúe os lugares de interese, aloxamentos, lecer, restaurantes, compras...

No tocante á mobilidade, esta ferramenta proporciona os tempos de chegada do autobús urbano ás paradas a tempo real, informa das liñas e permite calcular as rutas. Igualmente o usuario pode acceder á información sobre os taxis, aeroporto, tren e barcos, xunto a toda a información relativa ao tráfico -aparcamentos, puntos de recarga, gasolineiras, planificación de rutas, cámaras e un mapa co estado do tráfico na cidade a tempo real-

A app Vigo é bidireccional e permite ao usuario enviar ao Concello avisos e suxestións de mellora, achegando fotos e facendo un seguimento do estado da tramitación. Nesta plataforma pode coñecerse tamén as convocatorias, subvencións e ofertas de emprego da administración municipal, así como os trámites co Concello, con información e accesos a todos os habilitados da sede electrónica.

A aplicación Vigo, dispoñible en galego e castelán, permite configurar unha pantalla de inicio personalizada cos servizos que se desexen e seleccionar as temáticas sobre as que se queira ser notificado (novas, tráfico, axenda, emprego, transporte, convocatorias e subvencións)

Abel Caballero subliñou que a app non está cerrada senón que supón o comezo dunha nova canle de comunicación que estará en continúa evolución. Así, engadiu o alcalde, o Concello xa baralla que no futuro se poida empregar a aplicación como audioguía nos museos, para rutas guiadas pola cidade e tamén para a recepción de avisos en casos de emerxencia.
Descargar todas as imaxes