Escoitar

O Concello aproba unha permuta urbanística para evitar que se edifique na Bouza

O alcalde anuncia que os terreos da Bouza serán cualificados como zona verde no próximo Plan Xeral.

xoves, 10 abr 2003
O Consello da Xerencia de Urbanismo deu o seu visto e prace a unha operación urbanística que consiste na permuta de predios municipais no centro da cidade por outros de propiedade particular a carón do parque da Bouza. Desta forma evitarase que se constrúan edificios nos lindeiros da zona verde máis ampla de Coia.

As parcelas que actualmente pertencen á sociedade Miraflores Vigo S.A. e que pasarán a patrimonio municipal son cinco fincas situadas no Polígono I do PERI "A Bouza Sur", cunha superficie total de 4.501 m2 aos que corresponde unha edificabilidade de 31.786 m2. O propietario pretendía construir nestas parcelas tres edificios de 14 andares e dous de cinco alturas.

A cambio deses predios, o Concello cederá a Miraflores Vigo S.A. catro predios, dous deles situados no Polígono Rosalía de Castro II, outro no Peri Praza Elíptica e o último no Plan Parcial Quirós. O total de superficie destas parcelas é de 2.352 m2 e a edificabilidade de 13.688 m2.

A permuta está xustificada polo interese do Concello, anunciado hoxe mesmo polo Alcalde, de convertir en zona verde as parcelas situadas a carón do parque da Bouza. Lois Castrillo dixo que esa será a proposta que traslade aos redactores do novo Plan Xeral de Ordenación.

Os predios cedidos a cambio polo Concello están en zonas de uso residencial intensivo consolidadas por edificacións. Nesas áreas non é posible realizar intervencións públicas transformadoras e tampouco poden ser ofrecidas para a construcción de vivendas de protección pública, xa que, polo valor dos terreos, iso suporía unha importante perda económica para o Patrimonio Municipal do Solo.

A operación conta co beneplácito do equipo redactor do PXOM e con informes técnicos e económicos favorables.