Escoitar

O alcalde subliña o bo nivel dos encoros mais recomenda consumo responsable de auga

Caballero ofreceu datos correspondentes ao 20 de agosto, con Eiras ao 88,2% da súa capacidade e Zamáns, ao 77,5%. Son niveis por riba da media dos últimos anos mais, insistiu o alcalde ante a posibilidade dun outono seco, é preciso continuar cun consumo responsable de auga.

martes, 21 ago 2018
Zamáns estaba onte luns ao 77,5% cando hai unha semana chegaba ao 81%. Pola súa banda, Eiras atópase ao 88,2%, lixeiramente inferior ao 90% da pasada semana. Caballero trasladou este martes a información dos encoros e subliñou que os datos son mellores da media rexistrada nos últimos anos e moi superiores aos do pasado 2017, ano dunha forte seca en Vigo.

Os 1,8 puntos porcentuais de variación semanal en Eiras revela que o encoro ten aporte de auga, segundo aseverou o alcalde, pois o consumo medio diario de Vigo e os nove concellos da área é de 0,4 puntos, aproximadamente.

As cifras son boas mais, en previsión dun outono seco, o alcalde animou á cidadanía a continuar cun consumo responsable da auga. Caballero recordou que o pasado ano, de forte seca en Vigo, acordou coa Xunta de Galicia a construción dun transvase de auga de emerxencia e denunciou que o goberno de Núñez Feijóo "nin sequera está a facer o proxecto".