Escoitar

O goberno de Vigo solicita ao Consorcio do Casco Vello dúas parcelas para a rehabilitación da Panificadora

O alcalde informou este luns da solicitude de cesión gratuíta dos soares da rúa Santiago 43 e 59, afectadas pola modificación urbanística do ámbito, que permitirán a "transición" entre a rúa e a Panificadora.

luns, 6 ago 2018
Abel Caballero explicou este luns que os soares están afectados pola modificación puntual do PEPRI do Casco Vello no ámbito da Panificadora, xa aprobada inicialmente e que incorpora estes soares como espazo de "transición" entre a rúa Santiago e o inmoble.

Nos número 43 e 59 da rúa, as parcelas formarán parte da recuperación da Panificadora na que o goberno de Vigo e "a nova Zona Franca" están "absolutamente involucrados". Caballero recordou que a parte privada se adquirirá por acordo ou expropiación. "Queremos ter todo o espazo nas nosas mans", revelou.

"Pedimos unha doazón, igual que o Consorcio fixo unha doazón á Xunta de Galicia na Praza do Berbés. Esiximos o mesmo trato, unha doazón para facer unha actuación tan importante", aseverou o rexedor sobre a Panificadora. "Entre administracións públicas é o habitual".