Escoitar

Oitenta desempregados comezarán a traballar no Concello de Vigo dentro do Plan Municipal de Integración Laboral

martes, 15 mai 2001
imx228.jpg
Oitenta desempregados comezarán mañá mércores, día 16 de maio, a traballar no Concello de Vigo dentro do Programa Municipal de Integración Laboral (Promil), posto en marcha pola Concellería de Desenvolvemento Local e Emprego no marco do Plan Municipal de Emprego 2000-2003. Esta nova incorporación, xunto coas 17 contratacións feitas o pasado 1 de xaneiro, suman un cadro de persoal de 97 persoas que farán obras de mellora no cortorno urbano e rural de Vigo durante este ano.

A contratación faise cunha duración dun ano e comezará cun programa formativo, adecuado ás necesidades dos participantes e das actuacións a realizar. Vías e Obras, Electromecánicos, Patrimonio Histórico, Parques e Xardíns e Deportes son os servicios municipais que se beneficiarán das obras previstas no plan de actuacións do Promil para este ano 2001, definidas polo equipo responsable do programa despois de manter numerosas xuntanzas cos responsables municipais.

Hai que lembrar que a necesidade social foi determinante á hora do proceso de selección destas brigadas, ás que se presentaron máis de 1.000 solicitudes, valorándose, entre outros, a antigüidade no desemprego e o nivel de renda por unidade familiar (para primar as maiores cargas familiares). Por outra parte, os contratados do Promil beneficiaranse, en primeiro lugar, dun programa formativo, que despois facilitará a súa reincorporación ó mercado laboral.

Promil representa unha das principais referencias do Plan Municipal de Emprego, constituíndo unha nova ferramenta de apoio á inserción laboral dos desempregados de longa duración, pioneira na Comunidade Autónoma Galega. Tamén hai que destacar que estas contratacións se regulan polo convenio colectivo do Plan Municipal de Emprego, que é un instrumento básico á hora de desenvolve-los plans e programas municipais de fomento de emprego.

Selección dos peóns do Promil 2001

Un 48% dos contratados son homes.

Un 52% dos contratados son mulleres.

Un 36% dos contratados son menores de 30 anos.

Un 45% dos contratados son persoas que acadan o seu primeiro emprego, das cales un 14% son maiores de 30 anos. Neste senso, hai que destacar que un 31% son mulleres, das que a maioría delas teñen que comezar a traballar obrigadas pola súa situación económica e para manter ós seus fillos menores, despois dunha separación ou ó seren abandonadas polos cónxuxes.

A media de tempo que os beneficiarios do Promil levaban no desemprego alcanza os 3 anos e medio, cobrando o RISGA (Renda de Inserción Social de Galicia) un 46% destas persoas.

A familia tipo que se beneficiará do Promil é unha unidade familiar de cinco membros, dos que dous son menores, e que viven (ou malviven) cuns ingresos de 100.000 ptas ó mes.
Descargar todas as imaxes