Escoitar

Caixanova subvencionará programas sociais e culturais do Concello de Vigo

martes, 15 mai 2001
O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, asinou un convenio co director xeral de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, polo que esta entidade se compromete a financiar programas municipais de carácter social e cultural. O convenio desenvolve un protocolo de intencións subscrito o pasado ano no que se establecía unha alianza estratéxica entre o Concello vigués e a entidade de crédito.

Segundo o documento asinado hoxe, Caixanova aportará cada ano ao Concello unha cifra aproximada aos 80 millóns de pesetas para financiar actividades municipais de apoio a sectores productivos, formación, fomento de emprego, asistencia social, medio ambiente, cultura ou deporte base. O acordo terá validez ata maio de 2003.

Nun anexo ao convenio recóllense os proxectos que vai financiar durante este ano a entidade. Caixanova integrarase na Fundación de apoio ao Deporte Base que está a impulsar o Concello de Vigo aportando 20 millóns de pesetas. O obxectivo da Fundación é o fomento da práctica deportiva entre os xoves a través da organización de actividades divulgativas e da organización de competicións.

Outros 20 millóns de pesetas que entregará a caixa dedicaranse a apoiar o programa municipal de creación de comedores escolares nos colexios públicos. O alcalde anunciou que a intención do Goberno municipal é a de facilitar a creación de comedores en todos os centros públicos da cidade que o soliciten. Unha cantidade semellante terá como destino un programa de educación viaria para escolares que xa está a desenvolver a Concellería de Tráfico e Seguridade.