Escoitar

O Concello adica case 250.000 euros a calefacción e auga quente nas instalacións deportivas

O goberno local investirá case 250.000 euros en calefacción e auga quente para as instalacións deportivas, nunha Xunta de Goberno na que tamén se deu luz verde ás bases reguladoras para as subvencións das festas tradicionais e patronais, cunha dotación económica de cen mil euros.

xoves, 7 xuñ 2018
A Xunta de Goberno local adxudicou provisionalmente o contrato de subministro de enerxía térmica útil e o mantemento de calefacción e produción de auga quente das instalacións deportivas. Cun importe de case un cuarto de millón de euros, atenderase o pavillón e o ximnasio do Carme, os pavillóns de Navia e Candeán, así como os complexos deportivos de O Berbés e a ETEA.

O goberno local tamén deu luz verde á contratación da creación e do mantemento do observatorio socioeconómico de Vigo cun orzamento de licitación de 70.200 euros durante catro anos. Trátase, explicou o rexedor en rolda de prensa, dunha plataforma electrónica dirixida a todos os cidadáns con información actualizada relacionada coa economía. O observatorio reunirá os datos estatísticos públicos dispoñibles relativos ao territorio, medio ambiente, demografía, desenvolvemento urbano, cohesión social, cultura, innovación, mobilidade, economía, actividade empresarial ou turismo, con fin de impulsar actuacións de desenvolvemento local.

Festas
O rexedor tamén deu conta da aprobación das bases reguladoras para as subvencións das festas tradicionais e patronais que conta cunha dotación de 100.000 euros. As festas son unha parte moi importante da cultura popular que ten que ser apoiada, explicou, porque fomenta valores sociais ligados á identidade cultural.

Outro dos asuntos validados na Xunta de Goberno foi a adxudicación do servizo de vixiancia de Cedro e das UBAS. Cun importe de 285.000 euros, a empresa adxudicataria presentou unha mellora de cen horas máis de prestación de servizos.