Escoitar

O Concello subvenciona con 1,8 millóns o bus de escolares e universitarios sen esixir o padrón

Segundo datos ofrecidos este luns polo alcalde, o Concello de Vigo adica 1.767.000 euros anuais a bonificar o autobús urbano dos escolares e universitarios, sen requerir estar empadronado na cidade, o que non acontece noutras urbes galegas. Caballero defendeu a autonomía municipal para aplicar as súas políticas e denunciou que a "Lei Feijóo" só se aplica en Vigo.

luns, 30 abr 2018
O alcalde revelou este luns a subvención municipal aos estudiantes e universitarios que empregan o autobús urbano da cidade, unha axuda que ascende a case 1,8 millóns anuais e para a que non se require empadronamento en Vigo, requisito que si esixen outras cidades galegas.

Abel Caballero defendeu a autonomía dos alcaldes e alcaldesas para levar adiante as súas políticas e denunciou que Lei 2/2017 da Xunta de Galicia só se está a aplicar na cidade de Vigo, pois impide bonificar o transporte por criterio territorial en calquera suposto, algo que acontece en todas as cidades galegas con autobús urbano.

O rexedor deu lectura ao apartado "b" do artigo 82.4 da nomeada lei autonómica, que estipula que os "bonos sociales, vinculados a políticas ou actuacións transversais dos poderes públicos no ámbito social, a cuxo efecto se tomarán en consideración as condicións específicas das persoas usuarias ou das súas unidades familiares, tales como familias numerosas, estudiantes, xubilados ou nivel de renda. En ningún caso se poderán establecer bonos sociales atendiendo a criterios exclusivamente territoriales, como la residencia".

"A lei Feijóo", engadiu Abel Caballero, "prohibe utilizar o criterio de empadronamento para as políticas sociais de transporte" segundo o artigo anteriormente exposto, e citou como exemplos que impide "utilizar o empadronamento para apoios a pensionistas ou para familias numerosas", pero "en ningún concello de Galicia se está a aplicar a lei Feijóo, só en Vigo".