Escoitar

O goberno de Vigo rubrica o apoio a unha ducia de clubs deportivos con máis de 500.000 euros

Abel Caballero asinou este xoves os convenios coas entidades deportivas beneficiarias por 530.000, parte dos 856.500 euros que adica o Concello ao deporte de elite. Ademais, o goberno vigués convoca subvencións para clubs de base cunha partida de 850.000 euros, o dobre que no 2015, subliñou o alcalde.

xoves, 12 abr 2018
1523538262ClubsDeportivos.JPG
O alcalde de Vigo reuniu este xoves a unha ducia de clubs deportivos de élite, que reciben do Concello un total de 530.500 euros de apoio á súa actividade na presente tempada. Esta cifra é parte dos 856.500 euros que destina o goberno vigués á elite, cantidade que se incrementou un 4% desde o ano pasado.

As formacións beneficiarias son o Vigo Voleibol (47.000 euros), o AMFIV (53.000 euros), o Rápido de Bouzas (75.000 euros), o Coruxo FC (100.000 euros), o Sárdoma CF (23.000 euros), o Xuvenil de Teis (30.000 euros), o Halcones de Vigo (20.000 euros), o Atlántida de Matamá (20.000 euros), o Bosco (84.500 euros), a Sociedade Deportiva Carballal (20.000 euros), o Vigo Rugby (28.000 euros) e o Seis do Nadal (30.000 euros)

No tocante ao deporte de base, Caballero informou da aprobación este mesmo xoves das bases e convocatoria de subvencións a entidades deportivas sen ánimo de lucro, tamén para a presente tempada. O goberno de Vigo, que reserva ao efecto 850.000 euros, duplicou desde 2015 o apoio ao deporte de base, segundo puxo en valor o alcalde.

Segundo revelou Abel Caballero, o Concello que preside subvenciona este ano a práctica deportiva a través das entidades de elite e base con case 1,9 millóns de euros.
Descargar todas as imaxes