Escoitar

O Concello mellora a garantía e eficacia do proceso administrativo co novo Órgano Independente de Recursos Contractuais

O alcalde anunciou que o Pleno aprobará o xoves a creación deste novo órgano independente que, en verbas de Abel Caballero, achegará a administración ao cidadán, aumentará as garantías dos licitadores e permitirá gañar en axilidade e eficacia no proceso administrativo.

luns, 2 abr 2018
Abel Caballero anunciou que a creación do Órgano Independente de Recursos Contractuais do Concello de Vigo pasará polo Pleno este xoves, un ente administrativo especializado co que o goberno vigués, explicou o alcalde, quere achegar a administración ao cidadán, aumentar as garantías dos licitadores e gañar axilidade e eficacia neste proceso.

A nova Lei de Contratos, engadiu Caballero, permite ás grandes cidades e ás Comunidades Autónomas a creación do seu propio órgano. No caso do vigués, o ente resolverá recursos especiais en materia de contratación no caso de obras de máis de tres millóns de euros e subministros e servizos de importe superior aos 100.000 euros, no caso de concesións de obras e servizos de valor superior aos tres millóns e no caso dos contratos administrativos especiais que, polas súas características, non poidan fixar prezo de licitación.

O Órgano Independente, revelou Caballero, elaborará o seu propio regulamento interno -que será publicado no BOP- e estará adscrito á Concellería de Contratación, que lle prestará apoio administrativo. O titular do ente, que será nomeado polo Pleno tras pasar por concurso público, será funcionario de carreira do Concello, con licenciatura ou grao en Dereito, con máis de quince anos de experiencia no dereito administrativo. O nomeamento será por seis anos, sen posibilidade de prórroga.