Escoitar

O Concello toma posesión do Auditorio Mar de Vigo, que pasa a ser "enteiramente público"

O alcalde avanzou que na mañá deste martes produciuse a reversión da propiedade do Auditorio Mar de Vigo, polo que o Concello xa xestiona directamente a infraestrutura e se aforrará, entre outras cousas, o aluguer das instalacións da aula da Universidade Nacional Española a Distancia (UNED).

martes, 27 mar 2018
O alcalde de Vigo anunciou que este martes o Concello tomou posesión do Auditorio Mar de Vigo e polo tanto comeza a xestionar directamente a infraestrutura municipal. Abel Caballero informou de que o xuíz decretou a reversión da propiedade e que o Concello de Vigo se faga cargo da súa xestión.

"Neste momento xa é un auditorio completamente público, xestionado polo Concello de Vigo, despois de que fose revertida a concesión a 50 anos vista, agora é propiedade total do Concello", sinalou o rexedor vigués.

Caballero mostrouse moi satisfeito pola decisión e sinalou que a Concellería de Patrimonio xa é a nova responsable da propiedade. "A primeira consecuencia e que nos aforramos o aluguer da UNED e a partir de mañá está situada nun espazo público con aluguer cero", explicou.

O alcalde tamén indicou que "deixamos de pagar cifras a un xestor privado" e que o Auditorio segue a súa "vida normal" e está "mellor que hai uns días, funcionando, público e aforrando diñeiro".