Escoitar

O Concello promoverá un "anel verde" de 50 km para protexer a cidade dos incendios

O alcalde presentou esta martes o anteproxecto do Anel Verde de Vigo (AVV) que, con case 50 km, conectará Teis ata Saiáns circunvalando toda a zona urbana. Traballando cun horizonte temporal de vinte anos, explicou que o obxectivo é previr os incendios e facilitar a extinción no caso de que se produciran.

martes, 27 mar 2018
1522155519anillo.jpg
Abel Caballero deu conta esta mañá da planificación forestal da cidade de Vigo para os próximos 20 anos, coa presentación do anteproxecto do Anel Verde de Vigo que separa a zona rural boscosa da zona urbana. Con 49,6 km de lonxitude e 100 m de ancho, terá no centro un camiño de acceso de 5 metros que permitirá o fácil acceso á extinción en caso de eventuais incendios. A ambos lados dese camiño, haberá dúas bandas, de 22,5 km cada unha e, nos extremos, dúas bandas auxiliares, de 25 m cada unha. Establécese, polo tanto, unha primeira faixa de illamento con moita separación da vexetación, unha segunda, con menos e, por último, un camiño que ten que estar despexado para facilitar a circulación de vehículos de inspección e, eventualmente, de extinción. Con especies frondosas e autóctonas resistentes que estarán separadas convenientemente para evitar a contaminación do lume. Nestes momentos, o bosque de Vigo está cheo de especies pirofitas: pinos e eucaliptos, principalmente, que se substituirán por castiñeiros, abetos, lamigueiros, nogueiras, acivros, cerdeiras ou teixos.

O total do anel, explicou, ascende a case 5 millóns de m2 de extensión, dos que 297,737 m2 os ocupa o camiño, a primeira banda, 2.170.290 m2 e a segunda, 2.427.812 m2. Tal e como determina o anteproxecto, o tramo principal, de Saiáns a Teis, ten 38,5 km, o ramal de San Andrés de Comesaña, 2,1 km, o de Zamáns, 3,5 km e, por último, o do CUVI, de 5,5 km. Respecto da titularidade dos terreos, precisou que dos case 5 millóns de m2, o 16,4% é público, o 35,3% é superficie comunal e, o 48,3%, é privado. Nos comunais, será o Concello o que plante as especies e o que vele ata qu o proceso de recambio forestal sexa irreversible, aínda que a xestión seguirá recaendo nos comuneiros. Os privados poderán elixir entre xestionar eles os montes, seguindo a ordenanza municipal ou ceder esta xestión aos propietarios dos comunais. A partir deste momento, anunciou Caballero, o Concello contactará de novo coas comunidades de montes e coas privados para trasladarlles este anteproxecto.

Caballero proseguiu coa folla ruta a seguir que pasará, en primeiro lugar, pola elaboración do proxecto técnico, que sairá a concurso público cun custo aproximado de 300.000 euros. Ao mesmo tempo, o Concello desenvolverá unha ordenanza municipal que regulará a ordenación forestal e os espazos interurbanos no contorno das vivendas. Deste xeito, se establece un sistema de prevención, detección e control dos incendios forestais que permitirá reducir e limitar a propagación do lume, unha vez iniciado, posto que sirve de ruta de acceso ao monte.

Segundo detallou, o anel verde se conformará na gran infraestrutura verde que conectará os montes que circundan a cidade formando unha nova dimensión ecolóxica, enlazando a cidade co cinto de espazos naturais que rodean a comarca. Vaise dotar un espazo natural con rutas de senderismo ou bicicleta, ademais de conectar a rede de parques forestais municipais coa previsión de crear dez novas áreas de esparcimento.
Descargar todas as imaxes