Escoitar

Caballero alerta dos danos para o turismo de Semana Santa en Vigo pola falta de conexión ferroviaria con Madrid

O alcalde amosou a súa "preocupación" coa situación do tren de Vigo a Madrid, tras afundirse nun tramo da vía en Arbo e quedar cortada a conexión con Ourense. O rexedor alertou de que a falta de conexión xa está a provocar problemas para a afluencia turística á cidade en Semana Santa.

venres, 16 mar 2018
Abel Caballero alertou este venres das consecuencias que terá a falta de conexión ferroviaria con Madrid para o turismo da cidade despois de que se confirmase de que o corte da vía, derivada dun afundimento en Arbo, pode prolongarse ata a Semana Santa.

"O problema agrávase porque achegámonos a Semana santa, época de moita viaxe, e a inexistencia de tren vainos a danar no aspecto turístico, xa está a causar danos, porque os viaxeiros que empezan a facer reservas xa están a ver que teñen que dar un rodeo para chegar a Vigo", sinalou o alcalde.

O rexedor denunciou que, desde hai cinco anos, o Goberno de España ten esquecido o proxecto da variante de Cerdedo da Alta Velocidade, o AVE directo Vigo-Ourense-Madrid, sen avanzar na Declaración de Impacto Ambiental dun tramo de algo máis de catro quilómetros de lonxitude. "Xa estamos a pagar de forma real as consecuencias de que levan cinco anos solo coa Declaración de Impacto Ambiental", sinalou.

Caballero asegurou que "non temos nin o ferrocarril do século XIX" e amosou a súa preocupación do afundimento da vía en Arbo porque "puido ter graves consecuencias". Ademais, lembrou que este mesmo venres houbo outro descarrilamento na vía entre Ourense e Lugo. "Están a ofrecernos ir por Santiago con transbordo e coller o ferrocarril de Coruña e Santiago", indicou.