Escoitar

Mulleres desempregadas formaranse no proxecto "Abeiro" para a atención ós enfermos mentais e á terceira idade

O proxecto “Abeiro”, promovido pola Concellería de Desenvolvemento Local e Emprego e que conta cunha subvención do Fondo Social Europeo, comeza a súa andadura co obxecto de capacitar profesionalmente a mulleres desempregadas da cidade para acadar a súa inserción laboral no sector de servicios de atención a persoas con especiais dificultades, como son os colectivos da terceira idade e o dos enfermos mentais.

martes, 25 mar 2003
A posta en marcha do “Abeiro”, que suporá un orzamento total de 652.000 € durante doce meses, beneficiará directamente a 130 mulleres desempregadas de longa duración ou na busca do seu primeiro emprego, maiores de 45 anos e menores de 25, residentes en Vigo e cunha clara disposición a traballar no sector de axuda a domicilio e saúde mental.

A selección das beneficiarios farase a través dunha convocatoria pública, para poder cumprir cun dos requisitos imprescindibles no perfil das participantes, como é o estar motivadas para traballar con colectivos de especiais necesidades; o das persoas maiores e o dos enfermos mentais. Ó longo do vindeiro mes de abril, e a través da prensa, convocarase unha sesión informativa para presentar o “Abeiro”, informar dos requisitos necesarios para participar no proxecto e dos itinerarios formativos do mesmo, emprazando xa ás persoas interesadas a presentar as solicitudes.

O “Abeiro” supón continuar, no Plan Municipal de Emprego, coa aposta pola inserción de mulleres no sector dos servicios sociais como xacemento de emprego e pola participación en novos proxectos europeos relacionados co emprego. Neste senso, os resultados que ata agora se teñen do proxecto “Asiste” respaldan esa idea. Tanto no “Asiste”, como no “Abeiro”, hai que destacar o asesoramento en xestión empresarial que recibirán as persoas beneficiarias de cara á constitución de cooperativas, sociedades e outras modalidades.