Escoitar

O primeiro roteiro Gai-Lésbico de Vigo localiza locais, comercios e profesionais

Insírese dentro do Plan de Calidade Turística

martes, 25 mar 2003
1048596306roteiro6.jpg
Momento da presentación
O primeiro roteiro Gai-Lésbico de Vigo sitúa na cidade bares, restaurantes e comercios, pero tamén profesionais como dentistas ou psicólogos. O mapa inclúe tanto locais de ambiente como os denominados gay friendly, nos que homosexuais, bisexuais e transexuais poden expresarse en liberdade.

A concelleira de Turismo, Lilian Álvarez, presentou a iniciativa de forma excepcional "xa que nunca anunciamos aos medios os proxectos inseridos no Plan de Calidade Turística. Sen embargo, a proposta do colectivo de Lesbianas e Gais de Vigo era orixinal abondo". A presidenta de Legais, Beatriz Suárez, agradeceu o apoio do goberno local ao "único roteiro gai de Galicia na actualidade, cun só antecedente en Santiago hai anos". Suárez cualificou a edición dos 10.000 exemplares da guía por Turismo como "unha aposta pola xustiza social, nunha cidade aberta, nun momento en que o Goberno da nación segue a negar os dereitos dos homosexuais".

Pola súa banda, o vicepresidente de Legais, Xosé Manuel Buxán, sinalou que o roteiro "dá conta da pluralidade, dos distintos perfís existentes na paisaxe viguesa". O mapa que será distribuído en oficinas de turismo, locais e na sede de Legais pretende ser útil tanto para os propios vigueses como para os visitantes homosexuais, bisexuais e transexuais, indicándolles os sitios nos que son ben acollidos. No mesmo senso, o anuncio dun gabinete psicolóxico "é importante e necesario, mentres aínda queden psicólogos que continúan a ver a homosexualidade como unha perturbación e non como unha mera opción sexual", segundo afirmou Beatriz Suárez.
1048596306roteiro6.jpg
1048597125rot.jpg
Descargar todas as imaxes