Escoitar

O Concello construirá un ascensor que una García Barbón coa Vía Norte

O goberno de Vigo amplía o Vigo Vertical cunha "nova e moi importante iniciativa", presentada este mércores por Abel Caballero. Un elevador partirá de detrás das torres do Club Financeiro e conectará coa gran praza superior da futura estación do AVE, á altura de Vía Norte. O alcalde proporá integralo na construción do edificio de Thom Mayne.

mércores, 21 feb 2018
1519221678AlcaldeAscensor.jpg
O goberno de Vigo construirá un elevador que una García Barbón con Vía Norte. Anunciouno este mércores o alcalde nas inmediacións do colexio García Barbón, na rúa Serafín Avendaño, desde onde partirá o futuro ascensor.

O obxectivo do Concello, explicou Caballero, é conectar dúas zonas da cidade moi poboadas e moi próximas, evitando o rodeo de aproximadamente un quilómetro que é preciso camiñar actualmente. O goberno de Vigo prolongará Serafín Avendaño ata o muro da autopista, desde onde arrancará un ascensor que chegue, a través dunha pasarela, á gran praza pública á altura de Vía Norte que coroará a estación do AVE, obra xa adxudicada.

Abel Caballero explicou que o ascensor -dunha dimensión próxima ás once alturas- podería dar servizo, mediante pasarelas, á futura terminal de autobuses, á estación de tren e á terraza da estación do AVE, deseñada por Thom Mayne. De feito, nunha reunión que terá lugar o 1 de marzo, o alcalde de Vigo proporá a Xunta, ADIF e empresa adxudicataria que o estudo do arquitecto estadounidense integre o elevador na construción da nova estación, tanto por deseño como por funcionalidade.

En calquera caso, o rexedor asegurou sobre o novo ascensor que "é unha decisión tomada que ímolo facer, xa está decidido" e que terá que estar finalizado no momento en que conclúa a construción do edificio sobre a actual terminal ferroviaria de Urzáiz.
Descargar todas as imaxes