Escoitar

Vigo arranca este venres o seu Entroido co concerto de Efecto Pasillo

Este grupo "sensacional", afirmou o alcalde, dará o pistoletazo de saída aos actos programados polo Concello de Vigo para este Entroido. Efecto Pasillo actuará na Porta do Sol despois da entronización do Meco, que comeza ás 20 horas, e da animación de rúa. Este sábado ás 18 horas, o desfile de comparsas.

venres, 9 feb 2018
O Entroido vigués comeza na tarde deste venres, 9 de febreiro, con animación de rúa en Príncipe e Porta do Sol antes da entronización do Meco ás 20 horas e o concerto-pregón a cargo de Efecto Pasillo.

Para o sábado 10, o Concello programa animación de rúa en Príncipe e Porta do Sol desde as 17 ás 18 horas, precisamente cando arrancará desde o nó de Isaac Peral o desfile-concurso de comparsas e carrozas, que percorrerá García Barbón e Policarpo Sanz para finalizar na Porta do Sol. A medianoite, na Porta do Sol, actuación da Orquestra Israel.

Na mañá do domingo 11 se celebrará unha carreira popular, con modalidades infantil, adulto e veterano, desde a Porta do Sol. Os máis pequenos correrán por Príncipe e os maiores completarán o percorrido por Elduayen, Paseo de Alfonso XII, rúa Pi y Margall, rúa López de Mora, Avenida das Camelias, rúa Romil, rúa Cachamuíña, Ronda de Don Bosco, rúa Progreso, rúa Doutor Cadaval e final novamente en Porta do Sol. A tarde do domingo ofrecerá contacontos para os nenos na Porta do Sol ás 17 horas, compaxinado coa animación de rúa neste entorno ata as 19 horas e unha chocolatada infantil ás 18 horas na Porta do Sol.

O Concello reserva para o luns 12, xunto á animación de rúa pola tarde no centro, o Entroido Infantil no Concello de Vigo, con obradoiros e a actuación de Lolo Globotolo desde as 17 horas e o concurso de disfraces para os menores de 13 anos, con inscripción na propia lonxa do Concello desde as 17 horas e inicio do concurso ás 18 horas.

O concurso de disfraces para maiores de 14 anos será na tarde do martes 13, xunto a obradoiros infantís e a actuación clown de Bambolina na lonxa do Concello. Na mesma xornada repetirá novamente a animación de rúa de tarde e tamén de noite, no acompañamento ás 22:30 horas da queima do Meco na Porta do Sol, que será ás 23 horas. Na noite do martes, verbena da Orquestra Compostela con dous pases na Porta do Sol.

A programación municipal do Entroido conclúe o mércores 14 de febreiro na Porta do Sol. Desde as 18 horas terá lugar as tradicionais exequias funerarias solemnes das comparsas, o acompañamento da comitiva, o sepelio do meco e os oficios laicos, xunto á resolución do concurso de comparsas.