Escoitar

<br /> Caballero esgrime razóns ambientais, viarias e de calidade de vida para restrinxir os camións pesados en Teis

354 camións de máis de dez toneladas solicitaron ao Concello autorización de paso diario por Sanjurjo Badía, segundo informou hoxe venres o alcalde, peticións que serán denegadas se empregan o vial como mera ruta de paso. O goberno argumenta que os camións pesados merman a calidade de vida dos veciños de Teis, afectan ao transporte urbano e escolar, deterioran o vial e producen contaminación acústica.

venres, 9 feb 2018
O Concello de Vigo vén de elaborar un decreto que servirá de base normativa para resolver as peticións presentadas por 46 empresas que solicitan que 354 camións de máis de 10 toneladas pasen por Sanjurjo Badía.

Segundo recordou Caballero en rolda de prensa, a ordenanza de maio de 2008 estableceu a prohibición de circular pola cidade a vehículos pesados fóra das rutas establecidas ao efecto, unha norma de carácter "restrictivo" que non contempla permisos permanentes. Na práctica, engadiu, o que a ordenanza recolle como excepción se converteu en norma xeral, afectando polo tanto á calidade de vida da veciñanza de Teis, ás infraestruturas e ao medioambiente.

Sanjurjo Badía, apuntou o rexedor, presenta "características especialmente incompatibles co tráfico de vehículos pesados": os carrís de circulación son estreitos, de tres metros de ancho, así como as beirarrúas, de 2,5 e 3,5 metros, incluso despois de ser ampliadas polo Concello na humanización.

O nove por cento dos vehículos que pasan por Sanjurjo Badía son camións pesados, citou Caballero, un tránsito que conleva numerosas incidencias sobre o firme, nas tapas de rexistro, afundimentos na calzada e reparacións en canalizacións, pozos e pavimento. O tráfico pesado afecta asemade ao autobús urbano e ao transporte escolar, e a "intensa" densidade peonil tamén vese comprometida.

A este último respecto, o alcalde recordou que Sanjurjo Badía está densamente poboada, cun elevado número de vivendas e uns 20.000 cidadáns afectados diariamente polo paso dos camións pesados pola rúa. Ademais, a eliminación dos vehículos de alto tonelaxe signficará descontaminación acústica en Teis, con alomentos cinco decibelios menos de ruido.

A pesar de todo, valorou Abel Caballero, nos últimos anos veñen pasando 128 camións de media cada día por Sanjurjo Badía e outros 213 máis con recorridos eventuais tamén diarios, o que supón unha carga "insoportable" para Teis.

Segundo o anteriormente exposto, o alcalde avanzou que "en ningún caso se autorizarán permisos para vehículos de máis de dez toneladas cuxos itinerarios impliquen a utilización de Sanjurjo Badía como mera ruta de paso ordinaria". Engadiu Caballero que "os que utilicen o itinerario comprendido polas rúas Sanjurjo Badía, Doutor Corbal, Avenida de Guixar e Julián Estévez para prestar servizos no interior delimitado poderán contar cunha autorización", que será de carácter temporal e ata un máximo de tres anos. "Estamos tramitando as solicitudes de acordo con esta norma", explicou Caballero.