Escoitar

O Concello adxudica a nova "zona azul", que poderá xestionarse desde o móbil

A Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación do estacionamento regulado na vía pública, a coñecida como "zona azul", segundo informou este venres Abel Caballero. O alcalde, que salientou que o usuario poderá prorrogar a estancia do seu vehículo desde o móbil, adiantou que o tempo de rotación será distinto en cada zona da cidade, adaptado ás necesidades dos condutores.<br />

venres, 22 dec 2017
Abel Caballero informou este venres da adxudicación da contratación do servizo público de estacionamento regulado na vía pública mediante parquímetros, a coñecida como "zona azul", á oferta mellor puntuada polos técnicos, neste caso presentada por Dornier.

Segundo precisou o rexedor, o contrato é de dez anos con posibilidade de dúas prórrogas dun ano cada unha, e a empresa proporcionará ao servizo un turismo, dous vehículos de transporte de mercadorías e unha motocicleta. Ademáis, Caballero puxo en valor que a adxudicataria instalará 27 postes de recarga para vehículos eléctricos na cidade, nove destes no primeiro ano de contrato e os 18 restantes, ao longo dos cinco primeiros anos. Os parquímetros serán puntos de información municipal relacionados coa mobilidade.

Abel Caballero enfatizou a incorporación das novas tecnoloxías ao servizo, que fará posible, a modo de exemplo, que o condutor poida prorrogar a estancia do seu vehículo na praza de zona azul desde o seu móbil. Con información da ocupación a tempo real, o goberno de Vigo prevé adaptar o tempo máximo en cada zona da cidade ao uso que fan os cidadáns. "Seguramente o tempo promedio de utilización no centro sexa distinto ao que poida haber, poño por caso, nas Travesas ou en Teis", explicou o alcalde.